Cruz procesional coa Representación do Crucificado e a entrega do Santo Rosario a Santo Domingo

Cruz de brazos rectos, desiguais, ensanchados nos seus extremos de forma trilobulada mediante tres tornapuntas en forma de "c" unidas que acollen un espello, e unha serie de raios dispostos de maneira circular no punto de intercesión dos brazos. Das esquinas parten faces de raios de diversa altura. No anverso unha efixie de Cristo e no reverso un relevo coa representación da Virxe entregando un rosario a Santo Domingo. Macolla decorada con querubíns.

Ó abeiro do impulso da peregrinación, os obradoiros artesanais xorden por toda Galicia para responder á incesante demanda de enxoval litúrxico das igrexas e mosteiros, especialmente, daqueles máis relacionados cos camiños xacobeos. Os tipos de obxectos necesarios eran numerosos; entre eles, os encargos dos mosteiros, por exemplo, coma neste caso, encargo do importante de San Domingos de Bonaval de Santiago de Compostela. As cruces son importantes non só no ámbito litúrxico e devocional senón tamén social, porque representan á parroquia, comunidade tan importante no ámbito galego. Os séculos XVII e XVIII son os do maior apoxeo da pratería compostelá; ao gran aumento de prateiros con obradoiro propio na cidade, engádense os prateiros doutras rexións de España ou do estranxeiro (Italia, Francia, Portugal…) que traballan temporalmente en Compostela para a realización de pezas concretas, atraídos pola euforia reformista e artística que se desenvolve na cidade e na catedral. Algúns instálanse definitivamente en Santiago como é o caso do francés Claudio Pecul. O seu fillo, Jacobo Pecul, chegou a ser uns dos prateiros composteláns máis sobranceiros do século XVIII; do seu importante traballo é exemplo esta cruz.

Dimensións:
65,5 cm (48 cm sen macolla) x 32,5 cm
Material/soporte:
Prata sobredourada / Fundido, sobredourado, punteado, relevado
Contexto cultural:
Finais do século XVIII. 1794. Procedencia: convento de Santo Domingo de Bonaval (Santiago de Compostela)
Autoría:
Jacobo Pecul Montenegro Crespo, prateiro / Francisco J, Sánchez, contraste. Obradoiro compostelán