Frontal de altar

Frontal de altar

Dentro dun marco perimetral ornamentado con flores cuadrilobuladas aparecen representadas, en dous rexistros superpostos, escenas da vida de san Martiño de Tours. Seguindo a narración haxiográfica, a orde da lectura debe iniciarse no rexistro inferior e de esquerda a dereita, sen ningún elemento que delimite ou diferencie as representacións, aparecendo como un friso corrido con tres escenas en cada un dos niveis sinalados. Deste xeito, represéntase ao santo no momento en que parte a capa para compartila co pobre (con indumentaria propia de peregrino), a continuación, sentado na cátedra acompañado por dúas figuras no momento en que é nomeado bispo, e celebrando a coñecida "misa de san Martiño". No rexistro superior preséntase o milagre da curación dun cego, a seguir a disputa do santo con Satanás e, finalmente, a recreación do seu enterro.

O frontal mostra as características propias da pintura románica: predominio da simetría e da composición xustaposta, acusada bidimensionalidade pola ausencia de profundidade, predominio do debuxo fronte á cor que se aplica de xeito plano, sen gradación, xeometrización antinaturalista das formas, así como certa incoherencia global do estilo. Procede de Santa María de Palau de Rialb (Lleida).

Dimensións:
145 x 102 cm.
Material/soporte:
Óleo sobre táboa
Contexto cultural:
Románico (último ¼ s. XIII)
Autoría:
Taller leridano