A familia da Virxe. Santa Parentela

A familia da Virxe. Santa Parentela

Representación da denominada Santa Parentela cunha estudada composición que pretende diferenciar a importancia dos distintos membros que compoñen a familia da Virxe, e polo tanto, a ascendencia d Cristo. Nun primeiro plano, á esquerda aparece sentada María Salomé co seu fillo Santiago o Maior con indumentaria de peregrino e Xoán sentado no ángulo inferior esquerdo e detrás o Zebedeo. Na parte da dereita e reproducindo un esquema simétrico, aparece María Cleofás cos seus fillos Santiago o Menor, Xudas Tadeu, Xosé o Xusto (ou de Arimatea) e Simón Zelote, detrás Alfeo. Nun plano superior a Virxe María co Neno Xesús no colo e ao lado oposto Santa Ana como orixe da árbore xenealóxica; detrás de ambas as dúas os seus respectivos maridos: san Xosé e san Xoaquín. Na parte superior represéntase o ámbito celestial co Padre Eterno e o Espírito Santo.

A tradición da Santa Parentela, aínda que sen fundamento bíblico, adquire gran importancia nos países nórdicos a partir de principios do XV como consecuencia das visións da monxa Nicolette Boylet que a levarían a elaborar unha curiosa árbore xenealóxica de Cristo con orixe en santa Ana, nai da Virxe, e darrededor dos seus supostos tres matrimonios. A difusión desta tradición á penas afectaría aos países do sur de Europa. O Concilio de Trento poría fin a esta crenza defendendo, pola contra, o culto a Santa Ana noxusto papel que lle correspondería no proceso da Redención, pero sen competir co da Virxe. Aspectos técnicos e iconográficos fan moi verosímil a súa atribución a un entorno próximo a Cornelisz von Oostsanen (ca. 1470-1533), membro dunha importante familia de artistas residentes en Amsterdam.

Dimensións:
73 x 56 cm.
Material/soporte:
Óleo sobre táboa
Contexto cultural:
Gótico final (ca. 1520)
Autoría:
Cornelisz von Oostsanen (círculo de)