Santiago peregrino

Altorrelevo coa imaxe do apóstolo Santiago caracterizado como peregrino. Represéntase cun sombreiro de considerables dimensións decorado cunha voluminosa vieira na súa parte central, vestindo manto e túnica curta a modo de xibón, e outra máis longa interior e sobre ela unha capa curta. Porta unha atípica escarcela de tendencia circular con tapa cruzada sobre o lado dereito e co libro alusivo á súa misión evanxélica suxeitado con ambas as dúas mans. Os pés, descalzos, apóianse sobre unha reducida peaña que sobresae do bloque granítico a xeito de repisa. O bordón e a cabaza, pola contra, aparecen esculpidos en baixorrelevo no lado dereito da figura. Sobresae a representación do cabelo e da barba con guedellas rematadas en ornamentais rizos. Conserva restos de policromía orixinal. Parece proceder dos arredores de Padrón (A Coruña).

En torno á segunda metade do s. XIII o xeito de representar ao apóstolo Santiago comeza a asemellarse cada vez máis á da xente da rúa ao utilizar a indumentaria dos burgueses e adornarse incluso cos atributos propios dos peregrinos que se achegan á súa tumba. A túnica e o manto apostólicos substitúense por outra indumentaria que representa un cambio de gusto imposto pola burguesía da época. A escultura de Santiago peregrino ofrecida por Gaufridus Coquatrix (s. XIV) ou a de Johannes de Roucel (s. XV), ambas as dúas de obradoiros parisinos e conservadas no Tesouro da Catedral compostelá, representarían exemplares introductores en Galicia desta nova maneira de vestir e serían obxecto de imitación ao longo de todo o Camiño de Santiago, producindo pezas populares (como a actual) e outras de corte clásico e refinado.

Dimensións:
88 x 34´50 x 23 cm.
Material/soporte:
Granito tallado e policromado
Contexto cultural:
Renacemento (s. XVI)
Autoría:
Taller galego