Santa Ana Trinitaria

Grupo escultórico en vulto redondo representando a interesante iconografía da Santa Parentela no que aparece santa Ana como nai da Virxe e iniciadora da xenealoxía feminina de Cristo. Veste túnica azul e manto que recolle cos brazos cubríndose cunha ampla toca en branco axustada á cabeza, portando na man esquerda un acio de uvas representando a Redención. Á súa dereita a Virxe, con túnica e amplo manto en dourado, presenta a cabeza coroada e sostén na man o cetro da súa condición de raíña do ceo. Esta terma do Neno case espido no colo. É de salientar a composición que se atén a unha perspectiva xerárquica en razón de idade dos personaxes representados.

A importancia de santa Ana no proceso da Redención foi moi defendido pola igrexa católica, chegando ata os extremos postos de manifesto nos países nórdicos defensores da tradición do seu triplo matrimonio do que nacerían as tres Marías (a Virxe María, María Salomé e María Cleofás), emparentando así a Cristo cun bo número de persoeiros importantes no proceso da predicación e cristianización de xeito que os irmáns Santiago o Maior e Xoán, serían curmáns de Cristo e á súa vez tamén de Santiago o Menor, Xudas Tadeo, Xosé de Arimatea e Simón Celote. O Concilio de Trento poría orde nesta pretensión defendendo o culto a santa Ana pero sen competir coa figura da Virxe para a que se reservaba un papel sobranceiro.

Dimensións:
73 x 21 37 cm.
Material/soporte:
Madeira tallada e policromada
Contexto cultural:
Renacemento (1501-1525)
Autoría:
Escola hispano-flamenga