Vista da Coruña

Vista da Coruña

Vista panorámica da Coruña. En primeiro termo á dereita, unha árbore e a esquina dun tellado con cheminea, introducen unha extensión de campos de cultivo e praderías. Nun segundo termo esténdese o tecido urbano cunha maior concentración arredor da ría. Ao fondo, a Torre de Hércules dá paso a unha ampla franxa de celaxe.

O punto dende onde foi realizada esta vista era o lugar do Corgo, que formaba parte do Concello de Oza ata a súa anexión ao da Coruña en 1912. Laredo Cordonié cita esta obra nun artigo no que estuda a relación do fillo do pintor, o escultor Ángel Ferrant, e da súa familia coa cidade da Coruña: “De entre unha serie de cadriños que se conservan da época, e nos que se recoñece a finca e arredores, destaca a magnífica Vista de La Coruña, pintada no verán de 1891 por Alejandro Ferrant desde a casa do Corgo, e que no ano seguinte presentou á Exposición Internacional de Belas Artes celebrada en Madrid con motivo do IV Centenario de América”.

Dimensións:
49,7 x 143,4 cm
Material/soporte:
Óleo sobre lenzo
Contexto cultural:
Idade Contemporánea. Realismo / 1891
Autoría:
FERRANT FISCHERMANS, Alejandro (1843-1917)