A Apoteose de Hércules

A Apoteose de Hércules

Destaca no centro da composición a figura masculina que representa a Hércules vestindo a pel de león e portando unha maza. Un amoriño aparece coroándoo e outro suxeita as rendas do carro tirado por catro cabalos brancos que o transportan cara o alto.

Borkens plasmou no lenzo a composición que Rubens realizou no bosquexo que se conserva no Museo de Belas Artes de Bruxelas (Ver El siglo de Rubens en el Museo del Prado (1995), Vol. I, p.176) O lenzo pintado por este discípulo de Rubens decorou a Torre da Parada en Madrid. Hércules, representado no lenzo no intre da súa apoteose ou divinización, ascende ao Olimpo nun carro trunfal e é coroado como vencedor por un amoriño. Apóiase nunha maza e viste como coiraza a pel do león ao que vence no primeiro dos doce traballos que lle outorgaron a gloria de heroe. Hércules era a personificación do home valoroso e virtuoso. Por iso, dende a época renacentista, varias monarquías europeas considerárono un glorioso antecesor. A partir do reinado de Carlos I, este personaxe mítico quedou vinculado aos reis españois da Casa de Austria no século XVII. En España, a figura de Hércules levaba séculos vinculada á súa historia posto que, segundo o mito grego, o heroe realizou aquí o seu décimo traballo, consistente en roubar o gando do rei Xerión. Unha lenda que narra a construción da Torre de Hércules sinala que o heroe chegou ás costas da Coruña, onde despois de vencer a Xerión mandou construír unha torre sobre a súa tumba.

Dimensións:
189 x 212 cm
Material/soporte:
Óleo sobre lenzo
Contexto cultural:
Barroco flamengo / 1636-1637
Autoría:
BORKENS, Jean Baptiste (ca. 1611-1675)