Ungüentario bizantino

Ungüentario bizantino

Para conter ungüentos.

Ungüentario bizantino aparecido no ano 2002 no transcurso dun control arqueolóxico nas obras de prolongación do túnel do Areal de Vigo. Este espazo costeiro da cidade tivo un importante uso como fondeadoiro desde, polo menos, o século II a. C. ata a Idade Media.

Estas ampullae están distribuídas por todas as costas do Mediterráneo pero especialmente en Asia Menor, o que levou a algúns investigadores a identificar esta área coma un posible centro de produción, mentres que outros se decantan pola rexión de Betania, en Palestina, como o seu lugar de orixe. A aparición desta peza en Vigo hai que poñela en relación cun comercio a grande escala co Mediterráneo oriental entre os séculos V e VII d.C. , pero os ungüentarios achados na Península só aparecerán a partir da conquista bizantina do mediodía hispano, na segunda metade do século VI, e perdurarán ao longo do século VII.

Na Península Ibérica os exemplares documentados concéntrase nos principais núcleos da Spania bizantina, sobre todo en Málaga e en Cartaxena; o de Vigo é o único atopado nas costas atlánticas. Moitos destes anforiscos presentan estampas, xeralmente circulares con monogramas cruciformes.

O seu contido é descoñecido mais a investigación está persuadida do seu valor relixioso e dun uso para óleos santificados en contextos de culto cristián, o que explica a súa presenza en contextos funerarios ou nos primeiros recintos monásticos.

Dimensións:
16 x 5 cm
Material/soporte:
Cerámica
Contexto cultural:
Séculos V-VII
Autoría:
Descoñecido. Asia Menor