Ir o contido principal

Museo Granell

A Fundación Museo Eugenio Granell atópase no Pazo de Bendaña, un dos edificios máis emblemáticos do centro histórico de Santiago e exemplo da arquitectura civil de mediados do século XVIII. Situado na Praza do Toural, é un edificio destacado da arquitectura barroca compostelá, obra de Vicente Sarela. Na fachada loce o escudo do marquesado de Bendaña e, coroando o edificio, a figura de Atlas que soporta a bóveda celeste.

O artista Eugenio Fernández Granell naceu na Coruña en 1912, e estudou en Santiago de Compostela e Madrid. Tras a Guerra Civil exiliouse, viviu primeiro en Sudamérica e logo en Estados Unidos, e volveu a España en 1985.

Granell é un representante significativo do Surrealismo, no que se introduciu a través de André Breton. A súa produción artística abarca a pintura, escultura, debuxo, poesía, ensaio...

A Fundación ten como obxectivos o estudo e a difusión da obra de Granell e do Surrealismo, así como de correntes artísticas afíns. Os seus fondos están constituídos por distintas coleccións, tres delas cedidas polo propio artista. En primeiro lugar, unha ampla colección de obras de Eugenio Granell, que recolle toda a súa traxectoria artística formada por óleos, construcións, ready-mades, collages, debuxos, acuarelas, gouaches, témperas e gravados. Outra colección é a formada por obras doutros artistas vencellados ó surrealismo, entre os que se encontran Marcel Duchamp, Max Ernst, Joan Miró, Roberto Matta e artistas actuais como Cruzeiro Seixas, Julián Calero Gómez, Karl-Otto Glotz etc. E por último, a colección de arte étnica composta por máscaras, xoguetes e outras pezas procedentes de diferentes lugares como África, Porto Rico, Filipinas etc, que nace como consecuencia do interese de Granell pola antropoloxía.

Por outra banda, o museo tamén conta co legado do artista surrealista inglés Philip West, conforma outra colección de 200 obras entre as que se encontran debuxos, óleos, gravados...

O museo dedica o primeiro andar a exposicións temporais e o segundo a mostras da obra de Granell. A Fundación tamén programa actividades como teatro, concertos, recitais poéticos, conferencias etc, no seu intento de ser un lugar de creación e promoción cultural, e dispón dunha biblioteca especializada no Surrealismo e a biblioteca e arquivo persoal de Granell, de acceso a investigadores.

http://www.fundacion-granell.org

Pazo de Bendaña. Praza do Toral, s/n
15705 , Santiago de Compostela

Tlf. 981576394 / 981572124
Fax 981564069

info@fundacion-granell.org

Horario

Martes a sábado de 11 a 14 h. e de 16 a 20 h.
Pechado domingos, luns e festivos


Tarifas

Entrada xeral: 2 €
Entrada reducida: 1 €