Ir o contido principal

Os Satélites. Parada Justel

Os Satélites

A razón de ser da exposición é presentar e divulgar unha das obras máis senlleiras do pintor ourensán, nado en Esgos (Ourense) en 1871 e falecido en 1902, unha prematura morte en plena mocidade e vitalidade creadora.

Trátase dun cadro de grande formato, premiado cunha medalla na Exposición Nacional de 1899, que permaneceu nunha colección particular, oculto aos ollos do público ata agora, recentemente adquirido por parte da Consellería de Educación, Cultura e Ordenación Universitaria, e que pasou a incrementar as coleccións do Museo. Entre os fondos artísticos do Museo ten especial relevancia o conxunto de obras e obxectos de Parada Justel (obras escasas debido ao seu prematuro falecemento), doados na súa maior parte pola súa irmá Modesta, e incrementados ao longo dos anos mediante compras, depósitos e doazóns diversas.

Acompañan a este cadro outras dezasete obras do pintor, unha pequena escolma que pretende achegar ao público un percorrido pola súa traxectoria artística. A exposición compleméntase cunha serie de paneis que explican o minucioso e necesario proceso de restauración ao que foi sometida a obra, que recuperou así a súa forza e beleza orixinal.