Do 17 de setembro ao 30 de novembro do 2014 Océano, de Antón Patiño

Museo do Mar de Galicia

A exposición está composta por 18 obras, 12 delas de gran formato, que nos mergullarán na inmensidade do grande azul, que nos levan por un mundo de sentimentos ... o medo, a soidade, pero tamén o risco e a aventura.

Representa un achegamento á temática vinculada ao mar na súa pintura. Na mostra podemos contemplar bloques monográficos, e obras como "Ollo de Boi", dende o que miraremos ao mar, "Memoria Subacuática", onde viaxaremos ás profundidades ou "Furna de Fingal" que nos sitúa no interior dunha furna coas súas columnas de basalto desde a cal axexamos á masa hipnótica do azul.

Para o autor máis que unha exposición trátase dunha experiencia de aproximación conceptual ao sentimento oceánico. Inflexións cromáticas en amplos territorios de cor azul ultramar, branco mineralizado configurando espazos, estratos transparentes de verdes líquidos, negro de loito e tormenta.  

Con recursos abstractos trátase de suxerir emocións propias dunha paisaxe mítica e os seus procesos sensoriais. A través do emprego de verniz, pigmentos ou relevos, que postulan unha evocación táctil e intanxible simultaneamente. Unha amálgama de sensacións que configura un relato pictórico para activar a memoria emocional do espectador.

A exposición está aberta en horario de apertura ao público do museo. A entrada é gratuíta a primeira semana (do mércores 17 ao domingo 21 de setembro) e despois cobraranse as tarifas habituais do museo.

Neste enlace pode descargar ofolleto promocional da exposición