Ir o contido principal

Do 3 de febreiro de 2016 ao 31 de decembro de 2017 O mundo nas mans. Cartografía Escolar dos séculos XIX e XX

Cartel da exposición

O Mupega abre unha nova exposición na que se mostran materiais didácticos e curiosidades relacionados coa xeografía e a cartografía escolar.

No ano 1916, José María Crespo Rodríguez, editaba o libro Nociones de Geografía de Galicia, que se considera o primeiro manual de Xeografía dedicado a Galicia. Exactamente cen anos antes Domingo Fontán iniciara os exercicios preliminares para a confección da súa Carta Geométrica de Galicia.

Esta exposición temporal inaugúrase co motivo dos respectivos centenario e bicentenario, na que se amosa, ademais do libro e do mapa mencionados, unha escolma de pezas relacionadas coa cartografía e as disciplinas que a empregaban como medio didáctico.

A Mostra bríndalle ás persoas que a visiten a posibilidade de gozar de 73 pezas do fondo do museo. Entre elas destacan a mencionada Carta Geométrica de Galicia (1845), o mapa de Galicia en Relevo de Río Barja, (no ano 1985, aproximadamente) como prototipo para uso didáctico. Inclúense tamén pezas do editor Paluzie, un impresor especializado en láminas e mapas no eido educativo, e un dos representantes de todas as casas editoriais que existiron en España, e que se constituíron como a chave fundamental nos esforzos de difusión do patrimonio educativo.

O resto da mostra segue a distribución clásica da xeografía plasmada nos manuais do século XIX: a xeografía astronómica (as estrelas, o sol, os planetas, a terra,…), a física (as partes da terra, os minerais, os fósiles, …), a política (a xeografía relacionada coas razas, a relixión …), a descritiva (o mapamundi, os continentes, España, Galicia, os mapas provinciais e os planos locais). Tamén figura un apartado para a historia, que tamén fai uso da cartografía, cos atlas históricos ou cos planos das cidades onde aconteceu algún feito histórico.

“O mundo nas mans” vai acompañado dun programa de actividades didácticas dirixidas aos centros que queiran descubrir ao Mupega dende outra dimensión, a través da súa exposición temporal. Estas  actividades están pensadas para axudar os rapaces e rapazas a coñecer os mapas e os principios da cartografía a través das actividades lúdicas e dos obradoiros que están programados e adaptados para todas as etapas educativas.

Toda a información pódese consultar na paxina web http://www.edu.xunta.es/mupega/node/625

“O mundo nas mans” constitúe un manifesto de que co traballo e o esforzo do equipo do museo é posible pór en marcha proxectos deste tipo, que fan vivo o Mupega e que poñen en valor o rico patrimonio histórico-educativo que alberga nos seus fondos, promovendo deste xeito a súa recuperación e difusión.