Ir o contido principal

Manuel Vilariño. Tectónica Comisario: Alberto Ruiz de Samaniego

Tectónica non é unha exposición máis de Manuel Vilariño. O que aquí se propón é unha prospección no universo creativo e poético deste autor, pero cunha perspectiva que nos permita aproximarnos á súa obra dende un ángulo ou unha visión inédita. Trátase, efectivamente, de posibilitar un traballo de corte tectónico, nun uso metafórico do termo, é dicir, indagar e evidenciar cales son as liñas de sostemento que fundamentan a súa reflexión estética e que explican, a modo dun impulso continuo e dun contrapunto, todas as realizacións plásticas e poéticas —a propia experiencia vital— deste creador tan singular. Esta exposición quere buscar os lugares onde se gorece o silencio ou o asombro orixinal do acto creativo, tamén o esplendor das imaxes alí onde estas fulguran.

A exposición pensouse a partir de catro grandes vetas ou apartados temáticos e formais: Música, Poesía, Ciencia e Imaxe. En cada un destes estratos de experiencia sensible poderase contemplar unha serie de referencias fundamentais na traxectoria de Manuel Vilariño, á vez que se contextualiza e se explica o universo estético do autor con exemplos das súas propias obras ou das súas propostas, das súas lecturas, das súas viaxes e dos seus referentes vitais, culturais, musicais, de coñecemento e, en definitiva, poéticos, no sentido máis amplo e profundo do termo.