Ir o contido principal

Marzo e abril de 2016 Galicia máxica. Reportaxe dun mundo desaparecido Gustav Henningsen

Cartel da exposición

Na exposición do folklorista e antropólogo danés Gustav Henningsen : "Galicia máxica. Reportaxe dun mundo desaparecido" podemos ver fotografías etnográficas de Galicia entre 1965 e 1968. A exposición está organizada polo Museo do Pobo e a montaxe en Ribadavia foi realizada polo Museo Etnolóxico.

Pódese visitar no Local Social da Madalena de martes a venres de 12:00 a 14:00 h. e de 16:30 a 19:00 h, e os sábados e domingos de 12:00 a 14:00 h.

Gustav Henningsen é un folklorista e antropólogo danés que, entre os anos 1965 e 1968, achegouse ás terras de Ordes coa finalidade de estudar as prácticas utilizadas polo campesiñado galego para conxurar e combater conflitos e andazos que aqueixan a vida das persoas, do seu gando e das colleitas. Os remedios que as xentes do rural galego usaban ata hai ben poucos anos para resolver os seus males e os da súa facenda contrastaban cos aplicados pola medicina e a veterinaria oficiais (científica e urbanas).

Gustav Heningsen procuraba coñecer a dimensión máxica de "expertos" e curandeiras, inserindo esta exploración no universo vital dos veciños, que utilizou como informantes e dos lugares que visitou no seu traballo de campo. O repertorio de imaxes que realizou constitúe un relato visual rico e variado da vida cotiá das xentes da parroquia de Ardemil (Concello de Ordes, provincia de A Coruña). A mostra de fotografías exposta nesta exposición distribúe o relato en distintos apartados:

  • os camiños, casas e interiores
  • as tarefas domésticas
  • a labranza e outros traballos
  • as feiras, a diversión e outros pasatempos
  • as festas anuais
  • o ciclo da vida

Rematando cun percorrido, mediante fotogramas encadeados, polas diferentes prácticas manexadas polas curandeiras da zona, apoiadas en remedios e crenzas máxico-relixiosas.

A exposición complétase cun catálogo no que se achega un artigo de Gustav Henningsen sobre os seus anos de investigación en España, e outros de distintos especialistas: Marcial Gondar analiza a comovisión tradicional galega e revisita a obra do propio Henningsen, Sandra Vázquez e Xulio Sousa falan do tesouro de documentos sonoros aportados por Henningsen o Instituto da Lingua Galega (ILG) e o que foi director do Museo Etnolóxico, Xosé Carlos Sierra fai unha análise das fotografías do folklorista danés desde un punto de vista etnográfico e a súa aportación a antropoloxía visual de Galicia.