Ir o contido principal

Do 13 de xullo ao 30 de decembro do 2016 A contemplación do invisibe. Iconas rusas. Colección Santos-Illueca

A Colección Santos-Illueca foi depositada no Museo das Peregrinacións e de Santiago en sucesivas entregas ao longo dos anos 2013, 2014 e 2015.

O depósito está formado por un total de 280 pezas, das que a case totalidade (276) son iconas vinculadas coas distintas escolas que traballaron baixo a órbita da Igrexa Ortodoxa Rusa que se estendía polos territorios máis orientais de Europa.

A exposición, distribuída nos dous espazos habilitados na sede das Praterías para iso (o espazo de exposición temporal no soto e o espazo expositivo 3 na primeira planta), está concibida de xeito didáctico, co fin de expoñer non só as pezas en si, senón ao través delas, explicar aspectos tales como técnicas e materiais empregados na elaboración destes obxectos de culto, autores e lugares onde se facían, ou o amplo abano de tipoloxías propias que mostran estes obxectos: de viaxe, domésticos, de culto ou de iconostasio. Por outra banda, a riqueza da colección permite tamén introducirse de seguido no apaixonante mundo da iconografía representada nos exemplares que forman a colección: o dogma da Trindade, as representacións de Cristo, a figura da Virxe e as súas advocacións, as grandes festas litúrxicas ortodoxas, escenas bíblicas, santorais, vida de santos, etc.

Co conxunto de pezas depositadas neste Museo pódese dicir sen ningunha dúbida, que  se está ante unha das mellores coleccións de iconas das existentes nestes momentos na Península Ibérica, non soamente polo número, senón polas características de calidade e variedade coas que se constituíu dita colección.

É importante destacar ademais que esta achega provén do coleccionismo privado, que confía a esta institución pública un importante conxunto artístico para o seu estudio, exposición e difusión pública.