Colección Museográfica Viva e Integrada do Campo e a Locomoción Agraria (Muvicla)

O museo

A casa de labranza e granxa agrícola coñecida como Casa Vázquez está no lugar de Trasliste, pertencente ao concello de Láncara, no interior da provincia de Lugo. Esta explotación con máis de 200 anos de historia segue mantendo e desenvolvendo actividade produtiva na gandería, cunha explotación de vacas rubias galegas de produción ecolóxica, e no sector da froita, con mazás, tamén de produción ecolóxica, para a súa transformación en sidra.

As coleccións de tractores, maquinaria agrícola e apeiros que integran os fondos de Muvicla reflicten a evolución e o desenvolvemento da casa de labranza que lle dá soporte e, por extensión, a historia da mecanización da agricultura en Galicia coa transformación deste sector produtivo que ilustra, en gran parte, os cambios producidos na sociedade galega dende mediados do século XX.

O centro pretende recuperar e divulgar, en primeiro termo, a maquinaria e ferramenta clásica agrícola empregada na explotación familiar que lle dá soporte, xunto con outras pezas que foron adquiridas para formar parte da colección e ilustrar a súa temática, e, en segundo termo, amosar o desenvolvemento e o funcionamento dunha unidade de produción agrícola no pasado e na actualidade.

A singularidade de Muvicla radica na súa potencialidade: testemuña o pasado, amosa o presente dunha explotación viva, dinámica, que se adapta ás esixencias dun mercado en continua transformación, e proxecta o futuro da cultura do mundo rural en Galicia a través da conservación do territorio e da paisaxe.

O eixe fundamental sobre o que gravitan as coleccións de Muvicla son os tractores que ocupan a ampliación da antiga corte de gando. Cada un destes tractores son pezas únicas que foron recuperadas e restauradas por Marcos Vázquez.

Para o público non familiarizado coa cultura agraria e co mundo dos tractores pode resultar fascinante e toda unha sorpresa que marcas moi coñecidas actualmente como fabricantes de vehículos deportivos e de luxo, como Aston Martin, comezaran a súa andaina fabricando tractores.