Ir o contido principal

Colección visitable do Castro das Travesas

Colección visitable do Castro das Travesas

O museo

A Colección visitable do Castro das Travesas está instalada na Casa da Cultura do concello de Carral. Ademais son visitables o Castro das Travesas e o de Tabeaio.

A colección do Castro das Travesas achega o soporte material necesario para a valoración dun enclave arqueolóxico considerado como unha das manifestacións máis senlleiras da arqueoloxía pre e protohistóricas do arco noroccidental da península Ibérica.

A colección está centrada na difusión da historia do castro e o seu contorno, ofrecendo un achegamento á sociedade que habitou o enclave arqueolóxico a través dos obxectos orixinais procedentes das escavacións arqueolóxicas realizadas no xacemento nos últimos anos.

O Castro das Travesas é un gran castro ben conservado, de máis de 6 hectáreas. Consta dun recinto principal ou croa rodeado por outros recintos. Cada un destes espazos está configurado por un sistema de muralla e foxo.

O Castro de Tabeaio, un típico castro mariñán, forma parte dos espazos públicos do concello de Carral. É un recinto amurallado de tamaño medio, e está situado nunha chaira, de escaso perfil defensivo, asociado a unha importante vía histórica: o Camiño Inglés ou de Faro. Conserva case toda a muralla que rodea a croa, e nalgúns sectores tamén mantén un parapeto.

A Colección Visitable ofrece visitas guiadas á Sala Expositiva (cos materiais da escavación do castro das Travesas) e aos castros das Travesas e Tabeaio (espazos arqueolóxicos visitables). É posible visitar tanto todos os lugares como calquera deles por separado. As visitas guiadas están deseñadas para o público xeral e para a comunidade escolar, e serán complementadas con contidos inéditos nos que está a traballar o equipo científico.

As visitas guiadas deberanse solicitar no teléfono 981 672 580. A visita libre é sen guía e de balde a calquera das instalacións.

www.carral.es

Casa da Cultura, rúa de Paleo, 17
15175, Carral

Tlf. 981672580
cultura@carral.es

Horario

De luns a venres de 9 a 14:30 e de 16:30 a 19:30 h. Sábados de 10 a 13 h.
Sábados e domingos concertar visita.
Os horarios varían en verán e épocas festivas, cando abre só pola mañá.


Tarifas

Entrada de balde.