Ir o contido principal

Centro Arqueolóxico do Barbanza

Centro Arqueolóxico do Barbanza

O museo

O Centro Arqueolóxico do Barbanza  (CAB) ten a súa orixe na Rede Galega do Patrimonio Arqueolóxico (RGPA) creada no ano 2001 pola iniciativa do Servizo de Arqueoloxía da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural que lle atribuía, na primeira configuración da RGPA, a denominación de xacemento visitable cun carácter complementario respecto dos parques arqueolóxicos do mesmo ámbito (a cultura castrexa).

O CAB comeza a funcionar a finais de 2002 como un centro de titularidade pública dependente do Departamento de Cultura e Patrimonio do Concello de Boiro, que asume a súa xestión e financiamento. No plano arqueolóxico, o centro está estreitamente vinculado ao complexo que se atopa ao seu carón: os castros de Neixón, dous asentamentos fortificados da Idade do Ferro nos que se desenvolveron, dende comezos do século XX ata a actualidade, importantes campañas arqueolóxicas que converten este complexo nun dos referentes para a investigación da cultura castrexa.

Desde o punto de vista museolóxico, abrangue dous ámbitos de actuación: por unha banda, a presentación e introdución do visitante nas diversas manifestacións culturais da prehistoria recente da península do Barbanza (megalitismo, arte rupestre, cultura castrexa) e, por outra, a difusión e posta en valor do patrimonio arqueolóxico dos castros de Neixón, tanto das ruínas arqueolóxicas como dunha parte representativa dos bens patrimoniais exhumados nas campañas de escavación levadas a cabo nos últimos anos (2003-2007).

O Centro Arqueolóxico do Barbanza ten a consideración de colección visitable de natureza arqueolóxica dende o 5 de decembro de 2012. Inscríbese dentro da zona arqueolóxica dos castros de Neixón, declarados Ben de Interese Cultural (DOG núm. 103, de 30 de maio de 2011).

http://www.centroarqueoloxicodobarbanza.org

Castro de Neixón. Nine, s/n. Cespón
15991, Boiro

Tlf. 981843810
Fax 981843823

info@centroarqueoloxicodobarbanza.org

Horario

Inverno (16 de setembro a 14 de xuño):
Xoves e venres de 10 a 14 h. e de 16 a 19 h.
Sábados e domingos de 11 a 14 h. e de 17 a 20 h.
Verán (15 de xuño a 15 de setembro):
Xoves e venres de 10 a 14 e de 17 a 20 h.
Sábados e domingos de 11 a 14 h. e de 17 a 20 h.
Pechado de luns a mércores, de mediados de decembro a mediados de xaneiro e nos festivos locais


Tarifas

Entrada gratuíta
Visitas guiadas gratuítas a petición dos interesados
Na área arqueolóxica,só visitas guiadas con reserva previa