Do 1 de setembro ao 30 de setembro do 2020 - 10:00h Punta solutrense de Casardomato

Presentación e publicación virtual mensual para afondar no coñecemento de pezas pertencentes ao fondo do Museo

Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense

A peza que se presenta este mes é unha punta de cuarcita alongada que, pola morfoloxía e outras características, encaixa perfectamente entre as puntas foliáceas solutrenses do suroeste de Europa, especialmente dentro dos modelos cantábricos. Concretamente trátase dunha «folla de loureiro» de base apuntada (parcialmente fracturada de antigo) e se enmarca no período Solutrense superior, dentro do Paleolítico galaico.

A peza pertence aos fondos do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, co número de inventario CE005377.

Foi atopada no Colexio de Casardomato (actual CEIP Albino Núñez) en San Miguel de Canedo, na beira dereita do Miño ao seu paso pola cidade de Ourense, e doada en 1987 polo seu descubridor, Manuel Penín, ao Museo Arqueolóxico. As súas dimensións máximas son 95 x 22 x 26 mm e ten un peso de tan só 13 g.

 

Como cada mes, o Museo escolle algunha peza de entre os seus fondos –neste caso, dos arqueolóxicos- para ser tratada de xeito pormenorizado e darlle maior visibilidade, afondando no seu contexto e características, datas, filiacións, etc., e reforzar así o seu valor. Neste caso, ademais, trátase dunha peza inédita.

Habitualmente faise unha presentación pública na que unha persoa especialista ou investigadora da a coñecer a historia particular, o contexto histórico e as características formais e de estilo da peza escollida. Por mor las circunstancias excepcionais que estamos a vivir, e aínda que a sala de exposicións Escolma de Escultura xa está aberta ao público, seguindo as indicacións das autoridades sanitarias en relación co Covid-19, non se fará presentación pública. Non obstante, a publicación virtual sobre esta peza está dispoñible en PDF neste enlace do Museo Arqueolóxico de Ourense, onde se pode afondar sobre o contexto histórico e as relacións arqueolóxicas desta peza, a cargo, neste caso, de Eduardo Méndez-Quintas e Mikel Díaz Rodríguez.

Lugar de celebración

Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense (Ourense)

Galería

  • Detalle da peza protagonista da Peza do Mes de setembro do Museo Arqueolóxico de Ourense

    Detalle da peza protagonista da Peza do Mes de setembro do Museo Arqueolóxico de Ourense