Do 1 de xaneiro ao 31 de xaneiro do 2021 - 10:00h Peza do mes: Pote fundacional. Monte do Señoriño, Armea

Presentación e publicación virtual mensual para afondar no coñecemento de pezas pertencentes ao fondo do Museo

Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense

A peza protagonista que inaugura o 2021 procede do xacemento galaico-romano do Monte do Señoriño (Armea, Santa Mariña de Augas Santas, concello de Allariz), que, xunto co castro da Cibdá de Armea, o Forno da Santa e a basílica inacabada da Asunción, forma un conxunto arqueolóxico-etnográfico, complexo e máxico, nomeado recentemente polo director das escavación Adolfo Fernández como conxunto arqueolóxico-histórico de Armea. Trátase dun lugar de enorme riqueza e variedade de materiais, e de diferentes e interesantes contextos históricos. A peza elixida para a súa divulgación é unha ola de cerámica común romana estudada e interpretada polo seu descubridor como «pote fundacional», exhumada durante a campaña do 2012. De corpo globular, as súas dimensións son 17 x 18,7 x 0,7 cm de grosor máximo; 8,5 cm de diámetro de boca e 8,5 cm de diámetro da base. A comparativa establece que é orixinaria dos centros produtores da zona bracarense. E o seu contexto relaciónaa cos depósitos simbólicos ou funerarios. Neste caso, concretamente, establécese a hipótese do seu depósito relacionado cunha ofrenda de fundación do poboado.   Como cada mes, o Museo escolle algunha peza de entre os seus fondos –neste caso, dos arqueolóxicos- para ser tratada de xeito pormenorizado e darlle maior visibilidade, afondando no seu contexto e características, datas, filiacións, etc., e reforzar así o seu valor. Habitualmente faise unha presentación pública na que unha persoa especialista ou investigadora da a coñecer a historia particular, o contexto histórico e as características formais e de estilo da peza escollida. Por mor las circunstancias excepcionais que estamos a vivir, esta presentación está cancelada. Non obstante, a publicación virtual sobre esta peza está dispoñible en PDF neste enlace do Museo Arqueolóxico de Ourense [1], onde se pode afondar sobre o contexto histórico, as relacións arqueolóxicas e as interpretacións desta peza, a cargo, neste caso, de Ana María Veiga Romero. [1] http://www.musarqourense.xunta.es/peza_mes/pote-fundacional-monte-do-senorino-armea/

Lugar de celebración

Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense (Ourense)