Do 1 de outubro ao 31 de outubro do 2020 - 10:00h Peza do mes: Paisaxe de Praga. Vicente Risco

Presentación e publicación virtual mensual para afondar no coñecemento de pezas pertencentes ao fondo do Museo

Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense

A obra que se presenta este mes é unha acuarela de Vicente Risco, de 1930.

Nesta ocasión a Peza do Mes do mes de outubro conmemora o centenario da publicación en Ourense do primeiro número da Revista Nós, o 30 de outubro de 1920. O Museo quere lembrar así a inesquecible pegada que para a nosa terra, lingua, sociedade e cultura supuxo o traballo desenvolvido polos integrantes da Xeración Nós. Entre todos eles, tres ourensáns, Risco, Otero Pedrayo e Cuevillas.

En maio de 1930 Risco é pensionado en Berlín. Á volta, recolle o vivido, incluíndo Viena e Praga. Desta viaxe, o Museo conserva nos seus fondos esta pequena acuarela, dunha fermosa paisaxe á beira do río Moldava. El mesmo a describe, con gran sentimento, na Revista Nós en 1934.

Como cada mes, o Museo escolle algunha peza de entre os seus fondos para ser tratada de xeito pormenorizado e darlle maior visibilidade, afondando no seu contexto e características, datas, filiacións, etc., e reforzar así o seu valor.

Habitualmente faise unha presentación pública na que unha persoa especialista ou investigadora da a coñecer a historia particular, o contexto histórico e as características formais e de estilo da peza escollida. Por mor las circunstancias excepcionais que estamos a vivir, e aínda que a sala de exposicións Escolma de Escultura está aberta ao público, seguindo as indicacións das autoridades sanitarias en relación co Covid-19, non se fará presentación pública. Non obstante, a publicación virtual sobre esta peza está dispoñible en PDF neste enlace do Museo Arqueolóxico de Ourense, onde se pode afondar sobre o contexto histórico e as características desta obra, a cargo, neste caso, de María del Pilar Núñez Sánchez.

Lugar de celebración

Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense (Ourense)

Galería

  • Detalle da obra protagonista da Peza do Mes de outubro do Museo Arqueolóxico de Ourense

    Detalle da obra protagonista da Peza do Mes de outubro do Museo Arqueolóxico de Ourense