Pasar al contenido principal

NO CAMIÑO: PELÍCULAS DE ESTRADA VIEIRO E HORIZONTE. Curso de cinema

17 de setembro - 19:00h NO CAMIÑO: PELÍCULAS DE ESTRADA VIEIRO E HORIZONTE. Curso de cinema Este curso propón unha exploración de diversas paisaxes fílmicas a través do desprazamento dos corpos e da viaxe, tanto física coma simbólica.

Este curso propón unha exploración de diversas paisaxes fílmicas a través do desprazamento dos corpos e da viaxe, tanto física coma simbólica (se é que se pode establecer esa distinción). Desde o apoxeo do clasicismo nos anos trinta do século pasado ata os nosos días, ao longo de case cen anos de historia do cine e a través de películas de diversos xéneros e países, buscaremos o horizonte por camiños e estradas, como tantos nómades fixeron antes. É, por suposto, a viaxe do heroe ou da heroína que alimenta os relatos da humanidade desde que os nosos devanceiros sentaron por primeira vez arredor dunha fogueira para contaren unha historia. É o impulso de partir na busca dun alí —unha xeografía distinta, un tempo distinto— no que refundar o aquí. Porque, como di Dorothy, “se camiñamos o suficiente, algunha vez chegaremos a algures”. Ou se cadra non, quizais o marabilloso mundo de Oz non agarde por nós alén do arco da vella, mais no camiño sempre ha de haber unha historia.

PROGRAMA

17 SETEMBRO

O mago de Oz (Victor Fleming, George Cukor, Mervyn LeRoy, 1939)

1 OUTUBRO

O cabaleiro verde (David Lowery, 2021)

8 OUTUBRO

Centauros do deserto (John Ford, 1956)

22 OUTUBRO

Lawrence de Arabia (David Lean, 1962)

29 OUTUBRO

Dersu Uzala (O cazador) (Akira Kurosawa, 1975)

12 NOVEMBRO

A escapada (Dino Risi, 1962)

19 NOVEMBRO

A viaxe a ninguna parte (Fernando Fernán Gómez, 1987)

3 DECEMBRO

Thelma e Louise (Ridley Scott, 1993)

10 DECEMBRO

Old Joy (Kelly Reichardt, 2006)

17 DECEMBRO

Unha historia verdadera (David Lynch, 1999)

JOSÉ MANUEL LÓPEZ (Vigo, Pontevedra, 1974) é doutor en Comunicación e profesor asociado na Universidade de Vigo. Funda a revista de cinema Tren de sombras (2004-2008) e, desde o ano 2007 ao 2017, forma parte do consello de redacción de Caimán Cuadernos de Cine, anteriormente coñecida como Cahiers du Cinéma. España. En 2008, coordinou o libro Naomi Kawase. El cine en el umbral para o Festival de Cinema das Palmas e é autor de numerosos artigos, relatorios en congresos e capítulos de libros. Desde 2012, imparte cursos de cinema no Museo de Arte Contemporánea de Vigo (MARCO) e no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC). Impartiu, ademais, conferencias en espazos como Master LAV, a ESCAC, o CGAI, a Seminci, o Festival de Málaga ou o Centro das Artes de Sevilla. Comisariou exposicións e ciclos de proxeccións para a Fundación Luis Seoane, Curtocircuíto: Festival Internacional de Cinema de Santiago de Compostela, Solar Galería de Arte Cinemática e o festival de cinema Curtas de Vila do Conde (Portugal). En 2020, recibiu o premio ao mellor ensaio escrito sobre audiovisual internacional na cuarta edición dos Premios María Luz Morales, outorgados pola Academia Galega do Audiovisual.

PERSOAS DESTINATARIAS

Docentes, estudantes e persoas interesadas no cinema

INSCRICIÓN

O prazo de inscrición estará aberto desde o 8 de xullo ata o 13 de setembro de 2024. As persoas interesadas poden enviar un correo electrónico a cgac.educacion@xunta.gal. Nel deberán indicar os seguintes datos: apelidos, nome, DNI, estudos, área de traballo ou interese, un enderezo de correo electrónico e un teléfono de contacto. As prazas cubriranse por rigorosa orde de inscrición. Unha vez aceptada a solicitude, as persoas rexistradas recibirán información sobre como deben realizar o pago.

CERTIFICACIÓN

O CGAC expediralles un certificado de aproveitamento a todas aquelas persoas que asistan, como mínimo, ao 70 % das sesións.