Skip to main content

Xesús Vázquez salienta a importancia da Comisión de monumentos históricos e artísticos de Ourense na defensa do patrimonio

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, salientou hoxe a importancia da Comisión de Monumentos Históricos e Artísticos Provincial “na difusión da historia galega e ourensá e na defensa do Patrimonio Cultural, tarefas que, como herdeiro, segue a desenvolver nos nosos días o Museo provincial, dependente da Consellería “. Fíxoo na presentación do 33 volume dos anexos do Boletín Auriense – publicado polo Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense e o Grupo Marcelo Macías-, un acto no que participaron tamén o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; o director do museo, Xulio Rodríguez; e o presidente do Grupo Marcelo Macías e autor da publicación, Francisco Fariña Busto.

Vázquez Abad destacou a traxectoria de máis dun século da Comisión “coa defensa da cultura e do patrimonio coma eixo central de traballo”, ademais de ser “un fito fundamental para a eclosión cultual do Ourense do primeiro terzo do século XX, o ambiente europeísta e aberto no que nace e se alimentan intelectualmente os integrantes da Xeración Nós e os seus coétaneos e sucesores”.

Posta en valor
Deste xeito explicou que a publicación hoxe presentada “vén facer xustiza a este labor”, ademais de permitir albiscar “a entrega xenerosa e desprendida dos seus integrantes e a vontade de servizo público, para lograr a conservación, coñecemento, difusión e defensa dos fondos bibliográficos e dos fondos artísticos”. Neste sentido o conselleiro sinalou o traballo dos membros daquela Comisión como un exemplo a seguir “para as administracións que hoxe en día desenvolvemos o nobre cometido de velar pola conservación do legado cultural e patrimonial para a súa transmisión ás xeracións vindeiras”; en tempos, como aqueles, de escaseza de recursos, pero mantendo “todo o esforzo e ilusión na recuperación e preservación dos elementos que conforman a memoria colectiva de Galicia”.

O conselleiro quixo agradecer ao Museo Provincial – “un dos tesouros más significativos do patrimonio ourensán”- e ao Grupo Marcelo Macías, a liña de traballo conxunta que desenvolven a través do anuario ‘Boletín Auriense’, “e destes estudos monográficos, que contribúen ao mellor coñecemento da historia de Ourense, engrosando así mesmo os fondos da biblioteca do Museo”. “A publicación que hoxe presentamos vén afianzar esta misión conxunta, compartida pola Consellería, e que agardamos teña continuidade durante moitos anos máis”, rematou.

Editado polo Museo Arqueolóxico Provincial e polo Grupo Marcelo Macías, o volume fai un repaso polos estudos realizados e actividades desenvolvidos pola Comisión de Monumentos Históricos e Artísticos Provincial desde o seu nacemento en 1844, no marco da regulación da xestión do patrimonio histórico e monumental, mobilizado coma consecuencia da Desamortización de Mendizábal. O obxectivo destas comisións provinciais era o de adoptar as medidas oportunas para salvar da súa destrución os edificios, obxectos artísticos e lembranzas históricas, tras a supresión dos conventos que os conservaban.