Skip to main content

Responsables de museos picassianos de España e Francia reuniranse o día 24 no Museo de Belas Artes

Reputados/as expertos/as e responsables de museos picassianos de España e Francia recalarán o vindeiro venres 24 de marzo no Museo de Belas Artes da Coruña para participar na "Xornada Picassiana. Os museos como centros de investigación", unha iniciativa da Xunta de Galicia deseñada e coordinada polo equipo técnico do museo na que ofrecerán novas perspectivas da obra e traxectoria do pintor, como os seus vínculos coa arte alemá, o proceso creativo da súa etapa de mocidade, a súa formación literaria ou o seu paso pola Escola de Belas Artes da Coruña.

A actividade enmárcase no contexto da grande exposición "Picasso. Branco no recordo azul", que se inaugurará un día antes na Coruña e que é a única mostra galega incluída na programación oficial da Celebración Picasso 1973-2023 impulsada polo Musée National Picasso de París e a Comisión Nacional para a Conmemoración do 50º aniversario da morte de Pablo Picasso, que conta con Telefónica como empresa colaboradora do programa en España.

Programa da xornada e inscrición

A Xornada Picassiana está destinada ao público xeral. A asistencia é gratuíta ata completar aforo e as persoas interesadas poden inscribirse no enderezo actividades.museobelasartes.coruna@xunta.gal. Desenvolverase desde as 9.00 da mañá e dará comezo coa participación dos tres comisarios da exposición "Picasso. Branco no recordo azul": Malén Gual, Rubén Ventureira e Antón Castro.

A continuación, será a quenda de José Lebrero Stals, director artístico do Museo Picasso de Málaga, que falará da arte alemá e Picasso. O arquitecto e catedrático de Composición da Universidade da Coruña José Ramón Soraluce impartirá o relatorio "O instituto e a cidade dos Picasso". O Museu Picasso de Barcelona estará representado pola súa directora de restauración, Reyes Jiménez, que falará do proceso creativo desde a mirada da ciencia. Tamén se contará coa participación de Violette Andrés, responsable dos fondos fotográficos e programas de dixitalización das coleccións do Museo Nacional Picasso de París, que explicará o vínculo de Picasso coa fotografía. "Pablo Picasso: a formación literaria dun poeta recén nacido" é o relatorio que ofrecerá Rafael Inglada, poeta, editor e biógrafo de Picasso que actualmente traballa na Casa Natal Museo de Málaga. Finalmente, a directora da Escola de Arte e Superior de Deseño Pablo Picasso, Elena Pardo, abordará a formación académica do artista malagueño.

Ademais de centrarse na obra de Picasso, as xornadas visibilizarán o papel fundamental dos museos como centros de documentación e investigación, así como de interrelación e intercambio con outras institucións.