Skip to main content

Presentado o libro "O acibeche e a súa cultura na Península Ibérica"

O 19 de decembro, Ángel Luis Cardín Toraño presentou no Museo das Peregrinacións e de Santiago un magnífico traballo sobre o acibeche en distintos territorios peninsulares, centrándose sobre todo en Asturias e en Galicia. O libro, editado por Xerais, leva por título O acibeche e a súa cultura na Península Ibérica, e aborda numerosos aspectos relacionados con este preciado material: a extracción, o comercio da materia en bruto e o traballo dos artesáns nos distintos obradoiros. Salienta os talleres composteláns ao longo de varios séculos e a evolución seguida polo traballo do acibeche ata a recuperación experimentada a partir do século XIX. Todo isto estúdao cunha visión ampla que lle dá o feito de coñecer o que sucede noutras áreas xeográficas extrapeninsulares.

O lugar elixido para esta presentación non podía ser outro que o Museo das Peregrinacións e de Santiago, xa que algúns dos fondos que forman a súa colección de acibeches están incluídos nesta publicación. A colección de acibeches do museo é significativa e amosa a importancia dun dos gremios composteláns mais importantes da cidade que cubría as necesidades  dos peregrinos e tamén das institucións vencelladas, tanto co culto como coa atención daqueles: o gremio de acibecheiros.