Preséntanse no CGAC as exposicións de Mark Manders e Juan Uslé

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, presentou hoxe no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) as exposicións ‘Curculio bassos’, de Mark Manders, e ‘Luz escura’, de Juan Uslé. En palabras do conselleiro, “son dúas mostras de gran calidade que encherán de contido durante os vindeiros meses os diferentes espazos deste emblemático museo”.
A intervención de Mark Manders, que ocupará toda a planta baixa do CGAC, é a primeira exposición individual en España do artista holandés, unha intervención que conta co apoio da Mondriaan Fonds e que poderá visitarse ata o 12 de outubro de 2014. A primeira planta do CGAC albergará ata o 28 de setembro a exposición ‘Luz escura’, de Juan Uslé, unha creación que conta coa colaboración de Acción Cultural Española e do Kunstmuseum de Bonn, onde estivo exposta anteriormente.
No acto de presentación tamén participaron o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; o director do CGAC, Miguel von Hafe; os artistas Mark Manders e Juan Uslé; o comisario da exposición ‘Curculio bassos’, Javier Hontoria; e o comisario da mostra ‘Luz escura’, Stephan Berg. Esta tarde ás 20,00 horas o conselleiro inaugurará amabas as dúas mostras.
Mark Manders
O conselleiro cualificou a Manders (Volkel, Países Baixos, 1968) como “un dos artistas internacionais máis relevantes das dúas últimas décadas”, e explicou que este escultor foi capaz de crear “un insólito universo que parte do seu xa lendario ‘Self-Portrait as a Building’, unha obra que realizou en 1986 cando tiña tan só 18 anos”.
A intervención ‘Curculio bassos’ reúne traballos realizados en todas as etapas da traxectoria do artista e inclúe obras procedentes de museos como o Stedelijk Museum de Amsterdam, o S.M.A.K de Gante, La Kunsthaus de Zúrich ou a colección Rabobank, ademais doutras procedentes de coleccións privadas. Para esta cita, o artista revisou algúns dos seus traballos anteriores e adaptounos ao propio espazo do CGAC.
A exposición que presenta o CGAC ten tanto de mirada retrospectiva coma de instalación específica. Comprende unha recreación do estudo do artista na cidade belga de Ronse, o lugar onde ese autorretrato se encontra en permanente estado de xestación. A instalación do vestíbulo evoca ese espazo íntimo e decisivo que dá paso a espazos nos que a relación entre os sucesivos traballos se aloxan nun tempo propio, un que a súa vez é unha fusión de diferentes nocións temporais.
Manders representou ao seu país na 55ª Bienal de Venecia, participou na Documenta 11 en 2002 e realizou exposicións en moitos dos museos e centros de arte máis importantes do mundo. Unha variación do traballo que presentou na cita de Kassel, que recibiu o aplauso unánime da comunidade artística internacional, estará presente no Dobre Espazo do CGAC.
Juan Uslé
Respecto ao artista cántabro, o conselleiro asegurou que “posúe unha capacidade extraordinaria para mesturar a linguaxe metapictórica co xestual e o corporal, logrando compoñer unhas obras que lle levaron a gañar no ano 2002 o Premio Nacional de Artes Plásticas e acadar un gran recoñecemento internacional”.
Juan Uslé (Santander, 1954) leva traballando dende os anos noventa nunha serie de cadros que se coñecen como as súas pinturas negras e que ocupan un lugar central no conxunto da súa obra. Nelas, dialoga coa historia da pintura dende Goya ata Reinhardt, entendendo o negro como unha cor de transgresión do visible ao invisible, cuxa impenetrabilidade leva a unha mirada interior.
En total, as salas da primeira planta do CGAC mostrará 20 pinturas da serie ‘Soñé que revelabas’, a maior parte delas realizadas de noite, nas que Uslé reflexiona sobre as condicións estruturais da pintura e sobre o propio proceso de pintar. Estas pezas están determinadas tanto pola emocionalidade como polos impulsos conceptuais característicos de toda a obra de Uslé.
Xesús Vázquez Abad despediuse agradecendo a presenza dos artistas e comisarios hoxe no CGAC. O conselleiro mostrouse convencido de que estas dúas mostras “non deixarán indiferentes a ninguén” e animou a todos os cidadáns a achegarse a este museo para gozar delas.