Skip to main content

O Museo do Castro de Viladonga explica cunha exposición o labor de conservación no xacemento

"Aconservación e restauración no Castro de Viladonga" é o título da exposición que, ata outubro, dá conta dos traballos que se veñen realizando no castro nos últimos trinta anos.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través do Museo Arqueolóxico do Castro de Viladonga, organiza a exposición temporal ‘A conservación e restauración no Castro de Viladonga’ localizada no museo do conxunto arqueolóxico lucense. A mostra, explica os traballos de conservación e restauración que se veñen realizando neste xacemento desde hai xa tres décadas. Estas son tarefas pouco coñecidas pero moi necesarias para que o castro siga en bo estado e os restos deste poboado fortificado sexan comprensibles para toda a sociedade.

A exposición, que estará aberta ao público ata o mes de outubro, consta de seis paneis que tratan sobre os factores de alteración que interveñen no deterioro das estruturas construídas do Castro de Viladonga e os procesos de conservación e restauración levados a cabo para contrarrestalos.

Viladonga, é un lugar emblemático e pioneiro da conservación in situ de restos arqueolóxicos cunha traxectoria de tres décadas na conservación deste poboado fortificado. A mostra realiza un percorrido desde os primeiros traballos nos anos 70 ata os traballos de conservación e restauración que se realizan hoxe en día.

Éxito rotundo das xornadas sobre a conservación

As ‘I Xornadas sobre a conservación en castros galegos. Estado actual e perspectivas de futuro’ desenvolvéronse entre o 14 e o 15 de xuño de 2013. O programa contou cun amplo seguimento con máis de 105 inscritos de todos os puntos de Galicia, Portugal e Asturias, o que indica o grande interese que concita a conservación do patrimonio arqueolóxico.

A iniciativa, enmarcada no programa de actuacións do museo para achegar o patrimonio cultural deste espazo á cidadanía, ten un claro carácter innovador ao seren as primeiras xornadas sobre o tema da conservación e restauración de castros que se celebran en Galicia.

Dentro das xornadas destacaron as intervencións e debate sobre nove castros galegos: Castro de Vigo, Viladonga, Castrolandín, San Cibrán de Lás, Castromaior, Santa Mª de Cervantes, Monte do Castro, Monte do Facho e Baroña, moi diferentes entre sí e con problemas distintos polo que solucións axeitadas a cada caso, o cal amosa que existen profesionais da restauración de gran nivel na nosa comunidade. Asemade, o día 15 realizouse unha visita guiada ao castro de Viladonga para explicar os traballos que se están a desenvolver da segunda fase do proxecto actual ‘Acondicionamento e consolidación arqueolóxica para a posta en valor do castro de Viladonga’.

Recuperación

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria reforza a conservación e posta en valor do Castro de Viladonga coa realización de novas actuacións neste xacemento arqueolóxico pertencente á cultura castrexa. Así pois, no mes de marzo iniciouse a segunda fase do proxecto de limpeza, consolidación e difusión do xacemento arqueolóxico, que se prolongará durante os próximos meses.

Esta nova fase, que se realiza coa axuda de Fondos FEDER, inclúe actuacións sobre 10 estruturas, todas elas dentro da croa do castro. Os traballos consisten en desmontar os muros que están en estado fráxil, reconstruílos co mesmo tipo materiais, sanealos para que drenen a auga e protexelos cunha cuberta de lousa tapada con terróns de herba, seguindo un sistema xa habitual neste xacemento e que lle proporciona unha maior estabilidade e favorecer a mellor comprensión do escavado.

Durante 2013 tamén está previsto desenvolver dúas limpezas ou rozados do conxunto do castro, algunhas melloras na accesibilidade a varias zonas do castro, así como a divulgación destes traballos arqueolóxicos de restauración e a colocación de sinais que complementen a información facilitada no museo.