Skip to main content

O Museo do Castro de Viladonga abre a programación de verán cun obradoiro sobre plantas medicinais

Vista da mesa do taller

O domingo 26 de xuño o Museo do Castro de Viladonga (Castro de Rei) abriu a programación de verán co obradoiro “A botica do castro de Viladonga”. Dirixido a público adulto e impartido pola artesá Lola Tourón, a iniciativa tivo como obxectivo facilitar o coñecemento e a utilización das plantas medicinais ao tempo que se afondou na contorna natural do xacemento arqueolóxico.

A actividade incluíu unha ruta para a identificación das plantas con propiedades medicinais, coa explicación das técnicas de recolección, secado e conservación: trevo branco, carrascas, seixebras, herbas carniceiras, chantaxe, cardos, estraloques, acedas, hipérico, silvas, leitaruga, pelargonios, mentrastes, ortigas, rumes, sabugueiros, milfollas, cenorias silvestres... Tamén se abordou a extracción das propiedades a través de aceites e alcohois, e a elaboración de ungüentos, pomadas e tratamentos.

As actividades continúan cun obradoiro de cestería o día 2 de xullo no Conxunto Etnográfico do Cebreiro, do que se pode saber máis nesta ligazón.