Skip to main content

O Museo das Peregrinacións e de Santiago acolle as Xornadas Europeas de Arqueoloxía 2024

Esta fin de semana o Museo das Peregrinacións e de Santiago acolleu as Xornadas Europeas de Arqueoloxía (XEA) que se celebran anualmente en España durante a terceira fin de semana de xuño.

As XEA foron unha iniciativa lanzada en 2010 polo Ministerio de Cultura do Goberno de Francia, a través do Instituto Nacional de Investigación en Arqueoloxía Preventiva (INRAP), á que se foron sumando cada vez máis países europeos. Actualmente celébrase en 32 países. España participa desde o ano 2019. Coordínanse desde a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e Belas Artes a través das Subdireccións Xerais do Instituto do Patrimonio Cultural de España (IPCE) e de Xestión e Coordinación de Bens Culturais (SGGCBBCC), e son desenvoltas en colaboración coas distintas comunidades autónomas.

O obxectivo das XEA é achegar á cidadanía a arqueoloxía desde diversos puntos de vista: como profesión, como ciencia, etc. Dando visibilidade a todos os aspectos relacionados co patrimonio arqueolóxico e fomentando a participación da cidadanía.

Baixo esta premisa, preténdese poñer ao dispor da cidadanía o seu patrimonio arqueolóxico levando a cabo diversas iniciativas e actividades para todos os públicos que perseguen fomentar unha cultura arqueolóxica responsable entre a sociedade civil.

Con este motivo o Museo das Peregrinacións e de Santiago organizou varias actividades:

MOSTRA VIRTUAL

Mostra virtual «Desenterrando vitrinas. Ruta arqueolóxica polo Museo das Peregrinacións e de Santiago». Selección de pezas de natureza arqueolóxica accesibles ao público na sede expositiva de Praterías. 

Ligazón á mostra.

PEZA COMENTADA «AMPOLA DE PEREGRINO. SAN MENAS»

Con motivo da celebración das Xornadas Europeas de Arqueoloxía, presentamos a peza comentada «Ampola de peregrino. San Menas». Asinada por Roberto Aneiros, conservador do museo. 

Ligazón á peza comentada.