Skip to main content

O Museo Catedralicio de Santiago expón temporalmente o "Santiago peregrino" de Juan de Juanes

Vista da obra exposta no Museo Catedralicio de Santiago

Desde o pasado 4 de xullo pode contemplarse no Museo Catedralicio de Santiago a obra pictórica Santiago peregrino, de Juan de Juanes, grazas a unha cesión temporal por parte do Museo das Peregrinacións e de Santiago. Trátase dunha obra moi recoñecida, de enorme calidade, realizada no século XVI, e que reproduce un modelo iconográfico moi difundido no mundo xacobeo, como é o apóstolo Santiago ataviado como peregrino, cos atributos típicos, como o bordón ou a cuncha de vieira.

A obra, realizada en óleo sobre táboa, procede da igrexa do Convento da Coroa de Xesús dos Relixiosos Recoletos de San Francisco de Valencia, lugar para o que foi encargada en 1563. Estaba colocada sobre a mesa do altar de San Xaquín. Coa desamortización pasaría a mans particulares. Juan de Juanes concibiu a obra como unha imaxe destinada a espertar os sentimentos dos fieis. Do mesmo xeito que o resto das súas obras, o cadro crea unha compasiva relación co santo, ao que representa con mirada ensimesmada, de certa melancolía, nun rostro tenro, de agradable beleza. Todo orientado a contribuír a crear un clima de devoción no espectador.

A obra permanecerá cedida no museo catedralicio ata o mes de outubro. A cambio, o Museo das Peregrinacións expoñerá temporalmente o coñecido como retablo Goodyear, magnífica peza realizada no século XV, en alabastro e madeira, que foi unha ofrenda de peregrinación de John Goodyear, párroco na illa británica de Wight. Formará parte da exposición “Chacona. A canción de Santiago”.

Ligazóns