Skip to main content

O Consello da Xunta recoñece a Casa da Navegación de Baiona como un novo centro museístico

O Consello da Xunta recoñece a Casa da Navegación de Baiona como un novo centro museístico

Imaxe da exposición permanente

O Consello da xunta na súa reunión do 26 de xaneiro de 2017 recoñeceu a Casa da Navegación de Baiona como centro museístico. Con este recoñecemento da Casa da Navegación de Baiona como colección visitable, son 19 as coleccións e 2 os museos recoñecidos pola Xunta de Galicia dende o ano 1995 no que se aprobou a primeira Lei do Patrimonio Cultural de Galicia. Nela establécese que a creación, autorización e cualificación dun museo ou colección visitable en Galicia farase por acordo do Consello da Xunta.

A Casa da Navegación de Baiona é un centro museístico de titularidade municipal situado no casco histórico de Baiona, na coñecida como Casa Carvajal. Este novo centro dá conta do papel transcendental de Baiona na historia da navegación atlántica e ten como complemento a visita á réplica da Carabela Pinta, situada no porto, testemuña do fito histórico da arribada desta embarcación á vila en 1493 tras o descubrimento de América.

A exposición desenvólvese nas dúas plantas do edificio. Na planta baixa amósase a evolución histórica, urbana e social da Real Vila de Baiona. A planta superior está dedicada ao papel protagonista do seu porto na actividade pesqueira e comercial, así como á vida e á morte no mar cos vestixios de  naufraxios e batallas contra corsarios, piratas e armadas estranxeiras.

Tal e como se recolle no regulamento interno da Casa da Navegación: “A misión desta colección visitable é a protección, conservación, documentación, investigación e difusión dos bens materiais e inmateriais do patrimonio cultural, vinculado co porto e coa Vila de Baiona no contexto da navegación atlántica, e cun coñecemento profundo da súa evolución, en especial do papel que o seu porto xogou na conformación urbanística e social da vila”.

A colección é multidisciplinar pero destacan os fondos de carácter arqueolóxico procedentes de intervencións no seu casco histórico así como do dragado do porto de Baiona. Trátase fundamentalmente de material cerámico que chegaba a través do comercio marítimo dende antigo,  como así o manifestan a cántara andalusí e as xerras normandas medievais. Desta época son tamén a tapa de sartego do cemiterio medieval de Santa Liberata que mostra signos relativos á actividade mariñeira do defunto, moedas dos séculos XIII ao XV e enxoval funerario. A exposición complétase con portulanos antigos onde aparece mencionado o porto de Baiona, pezas e documentos alusivos á Arribada da Carabela Pinta, artes de pesca e referencias á poboación mariñeira da vila, obxectos e manuais de navegación, e fotografías e pezas que ilustran naufraxios na costa de Baiona, como os canóns dun pecio de Cabo Silleiro do século XVII.