Skip to main content

A nova programación do Museo de Belas Artes da Coruña inclúe obradoiros, ciclos musicais e cursos para todos os públicos

Museo Belas Artes

A oferta de actividades para os próximos meses foi presentada polo secretario xeral de Cultura, a directora xeral do Patrimonio Cultural e a directora do museo.

Museo Belas Artes A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria programa no Museo de Belas Artes da Coruña novas iniciativas para convidar a cidadanía a se achegar á arte. Ademais da actividade expositiva permanente e temporal, o museo propón diversas iniciativas durante os próximos meses nas que pon en diálogo diferentes disciplinas artísticas, a través de obradoiros dirixidos a todos os públicos, ciclos musicais, cursos e relatorios.

A nova programación, que foi presentada esta mañá polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; pola directora xeral do Patrimonio Cultural, María del Carmen Martínez; e mais pola directora do museo, Ángeles Penas, contempla diversos formatos e está dirixida a todos os públicos. Estas actividades enmárcanse no obxectivo da Xunta de ofrecer "unha programación diversa e de calidade en todos os seus equipamentos museísticos –dixo Anxo Lorenzo– para difundir o noso patrimonio cultural".

Diversos obradoiros de gravado e debuxo

Na nova programación do Museo de Belas Artes os obradoiros constitúen unha das actividades protagonistas. Dirixidas ao público adulto, ofrécense tres actividades. Esta semana comeza un obradoiro para se iniciar na xilografía, que se desenvolverá os venres 12, 19 e 26 de abril, e 3 e 10 de maio, en horario de 10:30 a 14:00 horas. Xa nos meses de maio e de xuño, realizaranse un obradoiro sobre augaforte e aditivas a cargo de Isabel Pintado, os sábados do 25 de maio ao 22 de xuño, no mesmo horario có de xilografía, e mais un obradoiro para se aproximar á técnica do debuxo, coordinado por Xavier Correa. Este último terá lugar entre o 3 de maio e o 29 de xuño, os venres de 18:30 a 20:00 horas e os sábados, de 12:00 a 13:30 horas.

Fomentar a creatividade a través do teatro

Os máis pequenos da casa tamén terán a oportunidade de participar en diversos obradoiros que o museo ofrece para eles. O teatro é o protagonista dunha das propostas que, desde o pasado 6 de abril e ata o 8 de xuño, lles proporciona aos nenos e nenas unha síntese sobre o traballo teatral, como unha forma de fomentar a memoria e a creatividade mediante o xogo. O obradoiro, que se desenvolve en horario de 11:30 a 13:30 horas da man da monitora Luisa Veira, rematará coa representación da obra.

Carlota Pérez e Begoña Bah serán as encargadas de achegar os máis novos ao museo, desde o espazo á súas obras, co obxectivo de que poidan elaborar as súas propias historias. No marco do obradoiro Transformarte, esta actividade desenvolverase os domingos do 14 de abril ata o 12 de maio en horario de 11:30 a 13:30 horas. Os nenos e nenas tamén lle poderán dar renda solta á súa creatividade nos obradoiros de verán, a través da pintura, a escultura e o propio espazo do museo. Estas actividades realizaranse no mes de xullo, de 10:30 a 13:30 horas coa colaboración da Asociación de Amigos do Museo e do Concello da Coruña.

Para o público xuvenil, o museo vén organizando desde o pasado mes de marzo e ata xuño os obradoiros de gravado calcográfico Goya: retratos e expresións. Dirixidos a alumnado de 4º da ESO, este obradoiro que se celebra os martes e venres contribúe a reforzar a compresión e o coñecemento das series dos gravados de Goya.

Propostas musicais para se achegar á pintura

Nos próximos meses, o museo segue apostando pola música para convidar a cidadanía a participar na súa programación. Ademais do ciclo de música contemporánea Espazo Ixor, que se desenvolve desde o pasado mes de febreiro ata maio da man do Taller de Interpretación de Música Clásica Contemporánea do Conservatorio Superior da Coruña, o museo propón outras iniciativas como o XIII Ciclo de Música para unha Época, no que se combina a música dunha determinada época coa visita guiada á sala do museo correspondente co mesmo período histórico.

No marco deste ciclo, o 5 de maio realizarase a visita guiada A pintura do Renacemento, seguida dun concerto a cargo da soprano Victoria Álvarez e do músico Vicent Bru. O Romanticismo centrará a sesión do día 26 de maio, cunha visita ao museo e a actuación de Daniel Blanch ao piano e da violinista Kalina Macuta. Finalmente, en xuño realizarase unha visita guiada cun percorrido desde as vangardas á época actual. Elisa Vázquez será a encargada de pór a música nesta sesión. A música tamén estará presente na celebración do Día Internacional dos Museos, o 18 de maio, coa actividade Un museo musical, consistente nun percorrido polo museo animado coas músicas de cada época, interpretadas ao vivo.

Cursos para se iniciar na historia da arte

O museo botou a andar hoxe o curso A historia da arte da galega. Os martes ata o 11 de xuño, en horario de 11:30 a 12:30 horas, esta actividade para adultos pretende achegar unha formación básica sobre a historia da arte galega e os fundamentos da pintura, a arquitectura e a escultura desde a antigüidade ata a actualidade. Tamén para o colectivo adulto, programarase un curso sobre a representación da muller na colección do museo, que se realizará os mércores, do 17 de abril ata o 12 de xuño, en horario de 11:30 a 13:00 horas.

Relatorios sobre arte e pensamento

Unha selección de publicacións especializadas servirá como punto de partida para que os seus autores poidan analizar diferentes aspectos relativos ao ámbito das artes e do pensamento no marco do ciclo Os libros como punto de partida. Logo do primeiro relatorio sobre a lectura no século XXI, impartido por César Antonio Molina, o 13 de xuño, ás 20:00 horas, terá lugar a segunda sesión desta actividade. Alfredo Vigo será o encargado de achegar o público participante á arquitectura sagrada do antigo reino de Galicia (1658-1763). O último relatorio será impartido despois do verán por Carmen Pena, que, baixo o título de Territorios sentimentais, falará sobre arte e identidade.

Un percorrido pola arte xermana

Finalmente, no que respecta á actividade expositiva temporal, o Museo de Belas Artes acolle actualmente a mostra 100 anos de arquitectura e deseño en Alemaña. 1907-2007, que se pode visitar ata o próximo 28 de abril. A exposición, organizada polo Museo de Arquitectura da Universidade Técnica de Múnic e o IFA, Instituto de Relacións Internacionais de Stúttgart, foi concibida para conmemorar o centenario da Deustscher Werkbund, a mítica Liga Alemá de Talleres fundada en 1907, que faría historia como unha das institucións culturais máis importantes do século XX en Alemaña.

Un balance positivo da actividade dos museos en 2012
"O traballo realizado nos últimos meses para avanzar nesta dirección preséntanos un balance que consideramos positivo", apuntou o secretario xeral en relación á actividade desenvolvida nos museos que, como o de Belas Artes da Coruña, son xestionados pola Consellería de Cultura e Educación a través da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural. A este respecto, informou de que o pasado ano, o Museo de Belas Artes da Coruña, o Museo das Peregrinacións e de Santiago, o Museo Etnolóxico de Ribadavia, o Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, o Museo Massó de Bueu e o Museo do Castro de Viladonga, xunto co conxunto etnográfico Pallozas do Cebreiro, ofreceron 21 propostas expositivas, con mostras de diversas temáticas, tanto temporais como permanentes.

Ademais, estes museos participaron noutros circuítos de exposicións, co préstamo dun total de 70 pezas dos seus fondos. Ao labor de catalogación, co rexistro e inventario de fondos; ás publicacións, con edicións propias e colaboracións en obras externas como boletíns e catálogo; e á actividade de restauración, para a conservación de fondos, engádese unha ampla programación de actividades realizadas por estes museos durante o 2012, como xornadas de portas abertas, visitas guiadas, concertos de música antiga e de música clásica, relatorios, ciclos de cine ou rutas didácticas en barco, entre outras.

Esta ampla programación nas catro provincias galegas, que se traduciu en máis de 100.000 visitantes, "permítenos garantir o acceso da cidadanía á cultura", dixo o secretario xeral. Por iso, neste ano 2013 temos como obxectivo seguir impulsando o labor e o servizo dos nosos museos con programacións como a que hoxe presentamos".