Inaugúrase no Museo de Belas Artes da Coruña a mostra “Confluencias 1975-2006”

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, inaugurou hoxe no Museo de Bellas Artes da Coruña a mostra “Confluencias 1975- 2006”, con obras de Jaime Quessada (1937- 2007) e o seu fillo Xaime Quessada Blanco (1975- 2006).
A mostra que poderá ser visitada ata o 2 de marzo esta composta por preto de corenta obras asinadas polos artistas ourensáns transmite o diálogo entre as distintas creacións pictóricas e unha reflexión sobre os seus puntos de encontro no marco produtivo.
Sobre a mostra, impulsada pola Consellería, Vázquez Abad destacou que “é un encontro emocionante, onde as formas e as cores serven tamén de soporte para unha formación intelectual que medrou, cunha solidez fóra do común, a través de dúas mentes e dúas sensibilidades conectadas na paixón pola arte. Quizais a inmensa potencia destes dous artistas, Jaime Quessada e Xaime Quesada Blanco, poida levarnos á ilusión dun resplandor orfo, no que un parte da nada e cédelle ao outro a creación demiúrxica, coma un testemuño limitado ao fío xeracional”.
Ao tempo que recordou aos autores dos que dixo que “a apertura de Jaime Quessada, a forma na que Xaime Quessada Blanco fixo renacer o pulo recibido, responden a unha atmosfera concreta, na que incardinaron a súa natureza. Os dous, pai e fillo, veñen dunha Galicia na que a arte e a paisaxe conviven en simbiose; na que a tradición depositou desde culturas moi distantes elementos valiosísimos, libres de alardes, e destinados á duración longa dos séculos”.
Así o conselleiro resaltou a importancia da obra do pai e o fillo dos que sinalou que “creo que nos atopamos ante unha experiencia vital emocionante, de transmisión de valores dun pai a un fillo, como modelo do que deita un tempo no tempo que lle sucede. Cada obra das que imos ver deseguida, e cada pincelada ou cada trazo, teñen ese pulo extraordinario, nacido da verdade, da creación como acto afirmativo que nos abraza”.
Confluencias
As 39 pinturas e debuxos que reúne “Confluencias” –aproximadamente a metade de cada un dos creadores– foron realizados a partir de finais da década dos setenta no caso de Jaime Quessada e desde mediados dos noventa, no de Xaime Quesada Blanco, describindo en conxunto un argumento creativo que ten como eixo central o universo persoal e artístico compartido por ambos. Incídese, pois, nas referencias comúns, aínda que constatando as lóxicas diferenzas estilísticas e xeracionais que, pola súa banda, servirán como referencia para entender a evolución da pintura galega nas últimas décadas do século XX.
O percorrido complétase cun documental de 21 minutos de duración realizado a partir de material audiovisual inédito sobre ambos artistas. Está editado a partir de dúas entrevistas realizadas a cada un dos artistas, entre os anos 90 e o 2000. Este vídeo esta baseado nas distintas opinións que os artistas, pai e fillo, teñen sobre a arte.
A exposición ofrecerá ao público unha nova e excelente oportunidade de se achegar á produción pictórica de Jaime Quessada como figura de referencia na arte galega do século XX, cunha relevante significación como artista e intelectual comprometido co seu tempo que transmite desde os diferentes ámbitos a través dos que desenvolve a súa obra: pintura, cartelismo, gravado, escultura, muralismo e literatura. Afondarase, ao tempo, na curta pero intensa traxectoria artística de Xaime Quesada Blanco, quen interpretou e incorporou o legado do seu pai desde unha perspectiva propia, non exenta de compromiso e carga experimental, na que destaca a súa temperán vocación e paixón polo emprego das novas tecnoloxías e as poéticas xeométricas.