Skip to main content

A exposición da Xunta sobre Picasso será a única galega incluída na programación conmemorativa de España en 2023

A exposición que está a organizar a Xunta "Picasso, blanco no recordo azul. A Coruña 2023" será a única proposta galega das 16 que se programarán en España no marco do Ano Picasso 2023. O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, asistiu en Madrid aos actos institucionais da presentación de actividades conmemorativas deste aniversario que terá lugar o vindeiro ano en distintas partes de Europa e América do Norte.

Esta efeméride é un proxecto no que España e Francia traballan desde hai meses, para o que se creou unha comisión bilateral con representantes de ambos países, así como membros da familia de Picasso e expertos no pintor. A raíz das conclusións deste grupo de traballo, aprobáronse finalmente un total de 40 exposicións temporais en distintas partes do mundo, congresos académicos e outros eventos.

No caso de España están previstas 16 exposicións, entre as que se inclúe a gran mostra na que está a traballar a Xunta de Galicia en colaboración con distintos museos, institucións e coleccionistas privados. "Picasso, blanco no recordo azul. A Coruña 2023" convértese así na única exposición proposta por Galicia que formará parte desta programación oficial. O Goberno autonómico leva meses traballando nesta exposición comisariada por Antón Castro, Malén Gual e Rubén Ventureira coa coordinación xeral de Ángeles Penas, directora do Museo de Belas Artes da Coruña, e coa participación do equipo técnico-facultativo do museo.

Encontros, conferencias e propostas audiovisuais

Poderase visitar no Museo de Belas Artes da Coruña cun cento de pezas que repasarán a pegada galega do pintor coa colaboración de distintos museos, institucións e coleccionistas privados. Recentemente acordouse coa Junta de Andalucía o préstamo da peza "Instruments et musique et compotier sur une table", na que o artista malagueño retrata un gaiteiro. É propiedade da fundación belga FABA e actualmente está depositada no Museo Picasso de Málaga.

Ao redor da mostra, tamén se está a artellar un intenso programa de actividades paralelas como encontros, conferencias e charlas abertas ao público que contarán coa presenza de especialistas internacionais na obra de Picasso. Afondarase nalgúns aspectos pouco coñecidos da súa traxectoria profesional e tamén sobre a súa etapa en Galicia. Ademais, poranse en marcha ciclos audiovisuais coa proxección de filmes e documentais que permitan coñecer máis sobre o autor, así como actividades musicais e educativas, dirixidas tanto a escolares como ao público en xeral, que incluirán visitas guiadas e obradoiros de pintura.