Skip to main content

Constitúese o Consello de Centros Museísticos de Galicia

Mesa de participantes

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, presidiu o pasado 13 de decembro a constitución do Consello de Centros Museísticos de Galicia.

A posta en marcha deste Consello vén dar cumprimento ao previsto na Lei do 17 de febreiro, de museos e outros centros museísticos de Galicia, onde se creou este órgano colexiado, asesor do Sistema galego de centros museísticos, e que foi regulado a través do Decreto 202/2022, do 10 de novembro.

En aplicación deste Decreto, o 13 de decembro do 2023 constituíuse o Consello, do que forman parte como vogais persoas vinculadas ao ámbito cultural e museístico da Comunidade Autónoma de Galicia, cos criterios de pluralidade e representatividade das distintas modalidades de centros que regula a Lei.

O conselleiro agradeceu o traballo feito polos museos nun ano "de grande actividade cultural". Neste senso, fixo especial fincapé na mostra "Picasso. Branco no recordo azul" organizada en primavera e que recibiu 50.000 visitantes no Museo de Belas Artes da Coruña.

Esta primeira reunión serviu para facer balance do ano 2023, destacando os datos de afluencia aos centros museísticos da Xunta de Galicia, que superan as 338.000 visitas e rematan o ano por enriba das cifras previas á COVID-19.

A reunión celebrada na Cidade da Cultura serviu para facer repaso polos fitos deste 2023, como o éxito da mostra de Picasso do Museo de Belas Artes da Coruña, a celebración do 30 aniversario do CGAC, o proxecto de ampliación do Museo Massó ou o avance no eido das artes dixitais como principais referencias.

No seo desta reunión fíxose tamén unha presentación da situación actual dos centros museísticos, os datos do rexistro xeral, con especial fincapé dos dependentes da Consellería de Cultura, no impacto da Lei no ámbito funcional, as actividades formativas ou a aplicación da inclusión e diversidade cultural.

Ademais, presentouse un documento recollendo as liñas de apoio aos centros museísticos de Galicia dende o 2020, principalmente bolsas e subvencións.