6 de marzo do 2014 A Consellería de Cultura e Educación prorroga polo seu gran éxito no Museo do Mar de Galicia a exposición ‘Unha marea de ondas lúdicas’, pola que xa pasaron case 4.000 visitantes

Sea Museum of Galicia

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acaba de prorrogar o período para visitar a exposición 'Unha marea de ondas lúdicas' no Museo do Mar de Galicia debido ao gran éxito acadado, con case 4.000 visitantes desde a súa inauguración o 4 de decembro de 2013. A mostra permanecerá aberta ata o vindeiro 30 de marzo, para que todas aquelas persoas que aínda non puideron achegarse a gozar desta magnífica exposición poden facelo durante o presente mes.

Ademais coa ampliación da exposición amplíanse tamén as actividades didácticas a ela asociadas, actividades dirixidas a todos os públicos (escolares, familias con cativos a partir de 3 anos, grupos de asociacións, de amigos, con necesidades especiais, etc.), nas que se pode facer dende unha simple visita guiada ata pasar ao noso taller e xogar con algúns dos xogos e xoguetes expostos.

Así, haberá actividades para escolares de martes a venres en horario de mañá ou tarde; e visitas guiadas con xogos para grupos con necesidades especiais de martes a venres en horario de mañá. Para os grupos de adultos as visitas guiadas desenvolveranse de martes a venres en horario de mañá ou tarde, e os sábados e domingos ás 17:30 h. Ademais continúase coa programación dedicada ás familias, con visitas e xogos no obradoiro da exposición, os sábados e domingos ás 11:30 h.

Presentación de libro
A Consellería acollerá ademais este venres 7 ás 19 horas no Auditorio do Museo do Mar de Galicia a presentación do libro “Los desconocidos precursores españoles de la navegación submarina”, unha obra de Diego Quevedo, Lino Pazos, Cristino Castroviejo e Alejandro Anca, dedicada á historia do desenvolvemento submarino en España en homenaxe e recoñecemento a destacadas - e moitas veces esquecidas- figuras que contribuíron de forma significativa en España á carreira cara á obtención da nave submarina e as armas que lle son propias, como Junquera, Isidoro Cabanyes e Miguel Bonet, Antonio Sanjurjo, Eduardo Mier ou Raimundo Lorenzo de Equevilley.

De feito, o libro recolle a obra de Sanjurjo Badía creador da “boia lanzatorpedos”, submarino cuxo orixinal poden contemplar todas as persoas que se acheguen a visitar o Museo do Mar de Galicia.