Compostela Ilustrada no Museo das Peregrinacións e de Santiago

Esta semana dará comezo a edición de 2021 de Compostela Ilustrada na que, como todos os anos, colabora o Museo das Peregrinacións e de Santiago.
Este ano as actividades organizadas mesturan ilustración e feminismo e reflexionarán sobre "A conciencia do debuxo" con catro artistas invitadas que, a través da ilustración, o debuxo e o cómic, crearon traballos reivindicativos do papel da muller no pasado e no presente.
Todas elas son autoras de textos e imaxes de diferentes publicacións nas que plasman a súa visión de situacións que necesitaban saír á luz. No encontro falarán desas obras, da súa maneira de afrontalas e do debuxo como o seu medio de expresión. Tamén de como as mulleres dentro do mundo das artes están a gañar terreo e cada día son máis as obras que levan firma en feminino, o que consegue que as temáticas que se traten nelas sexan realidades, moitas veces, agochadas ou silenciadas. Paula Bonet, Ana Penyas, Inma Otero, Ana Moreiras e Maru Godas compartirán co público conferencias, obradoiros e presentacións de libros do 5 ao 8 de maio.