Skip to main content

A Casa Museo da Fundación Camilo José Cela organiza unha mostra que pon en valor os vencellos do escritor coa universidade

A Xunta de Galicia homenaxea a Camilo José Cela cunha exposición que fai un repaso aos doutoramentos honoris causa que lle foron outorgados ao escritor e que xa se pode ver na sede da súa fundación en Padrón. 

Así, a mostra, que coincide co 45º aniversario dos doutoramentos que recibiu en 1980  polas universidades de Santiago de Compostela e a de Palma de Mallorca, ten por obxectivo amosar unha parte das propias coleccións  da Fundación Camilo José Cela, xestionada pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, que, máis alá da súa produción literaria, axudan a lembrar e poñer en valor a traxectoria académica do autor desde o máximo galardón que outorgan as institucións académicas.

Neste senso, cómpre destacar que, entre outros recoñecementos, Camilo José Cela recibiu esta distinción honorífica polos seus méritos vencellados ás letras e ás humanidades, por parte de 25 universidades de todo o mundo, desde o primeiro, en 1974 pola Universidade de Siracusa, en Nova York, ata o último, recibido en 1999 pola Universidade Kansai Gaidai, no Xapón.

No percorrido faise referencia a 12 deses doutoramentos de maneira que na sala da exposición permanente intercalase parte da colección téxtil conservada entre os distintos fondos que atesoura a entidade, como son togas, mucetas e birretes. Ademais, acompañando a estas pezas tamén se exhiben os títulos oficiais expedidos polas universidades de Siracusa, Miami, Dowling College, Millersville e Florida (Estados Unidos); a de Santiago de Compostela (España); a de Birminghan (Gran Bretaña); a Universitas Fu Jen (Taiwán);  a Universidade Moderna (Portugal); a do Río Grande do Sul (Brasil); a de Ciencias Empresariais e Sociais de Bos Aires (Arxentina) e a Universidade de Filipinas.

Un dos legados máis importantes do autor

Cómpre lembrar, que a Fundación Camilo José Cela conta cun dos legados máis importantes do autor, quen manifestara o seu desexo de que este permanecera unido nun mesmo lugar. Así esta herdanza está composta por coleccións heteroxéneas e de gran valor cultural que permiten coñecer ao escritor, máis tamén o devir social e cultural da España da segunda metade do século XX. Entre outras referencias, contén os manuscritos das súas 14 novelas publicadas, así como 52 de obra menor, ademais dunha biblioteca de máis de 60.000 monografías e unha hemeroteca de máis de 42.000 exemplares de publicacións periódicas.