11 de maio do 2020 Belas Artes na casa

Museo de Belas Artes da Coruña

#aculturasegue

Nestes momentos de confinamento, o Museo de Belas Artes está a organizar actividades para "quedar na casa", facendo así partícipes aos cidadáns da experiencia de vivir e coñecer o Museo a través de xeitos diferentes coas novas tecnoloxías.

Coincidindo coa exposición sobre Luís Seoane inaugurada hai uns meses, namentres esperamos a que reabra, o Museo ofrece un conxunto de actividades on line relacionadas con ela, que se poden atopar na ligazón www.belasartesnacasa.es.

Na visita virtual á exposición pódese acceder a todos os seus contidos, ás obras expostas, aos paneis e ás cartelas comentadas.

Tamén se pode acceder ao catálogo en formato pdf Luís Seoane no Museo de Belas Artes. O legado de Maruxa Seoane.

Ademais, atópanse dispoñibles materiais educativos para os máis pequenos da casa. Un paquete de actividades moi completo destinado a nenas e nenos de primaria, integrado por fichas, xogos interactivos e vídeos cos que poderán descubrir algunhas curiosidades sobre a vida e obra do polifacético artista, dun xeito máis lúdico.