18 de maio do 2020 #aculturasegue no Día Internacional dos Museos

Cada ano, o ICOM (Consello Internacional de Museos) celebra o Día Internacional dos Museos o 18 de maio, elixindo un tema no que se lle dea visibilidade ás preocupacións da sociedade.

O obxectivo do Día Internacional dos Museos (DIM) é concienciar sobre a importancia dos museos como medio para o intercambio cultural, o enriquecemento das culturas, así como para o desenvolvemento da comprensión mutua, da colaboración e da paz entre os pobos. Organizados cada 18 de maio ou ao redor desa data desde hai máis de 40 anos, os eventos e actividades planeados para celebrar o DIM poden durar un día, unha fin de semana ou mesmo toda a semana.

O Día Internacional dos Museos 2020 céntrase no lema Museos pola igualdade: diversidade e inclusión. Ten como obxectivo converterse nun punto de encontro para celebrar a diversidade de perspectivas que conforman as comunidades e o persoal dos museos, así como promover ferramentas para identificar e superar os prexuízos no que os museos mostran e nas historias que contan.

O Día Internacional dos Museos 2020 dixitalízase

Resulta evidente que a actual situación de pandemia exixe solucións diferentes. O #DIM2020 celebrarase mediante a organización de actividades dixitais e en liña. O ICOM propón ademais unha data alternativa para as celebracións de xeito presencial, que, en principio e se as circunstancias o permiten, sería unha celebración de tres días entre o 14 de novembro, coincidindo coa Longa Noite de Museos, e o 74º aniversario do  ICOM, o 16 de novembro.

Pero, aínda estando en confinamento, #aculturasegue. Dende o comezo desta situación, todas as unidades da Consellería de Cultura e Turismo están a realizar un grande esforzo por divulgar contidos culturais de interese a través das redes sociais e as webs. Os museos tentan estar presentes e activos en todo momento, levando a súa actividade aos fogares, ensinando polo miúdo as pezas máis singulares, lembrando ou propoñendo paseos polo museo que non ocorreran ata agora, facendo concursos... E agora faremos un esforzo máis, porque é o noso día: o Día internacional dos Museos. Nunha situación diferente queremos achegar opcións diferentes, para que, coas tecnoloxías de información, conmemoremos o noso día de ocio co conxunto da cidadanía galega e coa esperanza de que no seguinte poidamos convidarvos no museo.

Daquela, os Museos de Galicia fan varias propostas para que este 18 de maio siga sendo un día de celebración entre todos/as e un lugar de encontro virtual.


MUSEO DE BELAS ARTES DA CORUÑA

#museonacasa #artenacasa

O Museo de Belas Artes da Coruña xa ten en marcha un reto a través das súas redes sociais: #museonacasa #artenacasa. Como unha forma divertida para estimular e poñer en valor as dotes creativas de pequenos/as e grandes, este concurso leva xa varios días funcionando. Consiste na creación dunha nova obra a partir dalgunha das nove pezas propostas, procedentes da colección permanente do Museo. Cada participante achega a súa versión totalmente libre e persoal, utilizando os medios ao alcance da man e a técnica desexada, desde a pintura, a fotografía, o vídeo, a dramatización ou mesmo a gastronomía. O 18 de maio publicarase na web do Museo de Belas Artes unha exposición virtual coas obras seleccionadas de entre as participantes no reto #museonacasa.

Voces do Museo

Relacionado co Museo de Belas Artes elaborarase tamén un vídeo testemuñal protagonizado por distintos personaxes procedentes de diversos ámbitos da sociedade, vinculados dalgunha forma co Museo e os seus fondos, tanto como espectadores/as como colaboradores/as directos/as.

Ao longo dunha serie de microrrelatos, poderemos escoitar as distintas “voces do museo” que nos contarán as súas impresións e experiencias, as súas preferencias, as súas fontes de inspiración, os recordos suscitados polo museo…, narrados desde as perspectivas máis diversas, desde o ámbito das artes plásticas, o xornalismo, o ensino ou a literatura, pasando pola música e o deporte, configurando así todo un conxunto de reflexións e descricións para reconstruír unha panorámica coral e poliédrica sobre o valor e o significado que posúe o Museo de Belas Artes da Coruña para a nosa comunidade.

MUSEO ETNOLÓXICO DE RIBADAVIA

Saltando a fenda dixital

Unha proposta acaída ao tema deste ano Museos pola igualdade: diversidade e inclusión é a do Museo Etnolóxico, en Ribadavia, coa presentación en audiovisual da liña de traballo que o MER vén desenvolvendo dende o inicio do confinamento con centros da terceira idade, buscando superar a fenda dixital mediante a inclusión de persoas que están máis á marxe das novas tecnoloxías.

MUSEO ARQUEOLÓXICO PROVINCIAL DE OURENSE

Museos pola igualdade. Creando lazos

Igualmente dende a perspectiva de Museos pola igualdade, diversidade e inclusión, o Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense quere facer un achegamento a determinados colectivos que non son público habitual do Museo e valorar cales poden ser os prexuízos ou as barreiras que impiden que haxa unha comunicación fluída. Estas barreiras poden estar na maneira de relatar as historias que os obxectos nos proporcionan ou na maneira en que o Museo se dá a coñecer.

Así, mediante cuestións expostas de xeito virtual, elaborarase un vídeo coas testemuñas de distintos colectivos da cidade sobre as súas necesidades ou impresións sobre o Museo.

Quen son e que fago

Outro xeito de ver o Museo por dentro sen saír da casa. O Museo Arqueolóxico de Ourense ofrecerá, ademais, unha montaxe co persoal de todo o Museo, presentándose e contando cal é o seu labor no Museo. Así, podemos proporcionarlle á sociedade de xeito virtual unha humanización do traballo e unha aproximación ao que se fai detrás, moi descoñecido para o público cando se achega de forma física ao Museo.

Xogar con pezas e fachadas

O Museo Arqueolóxico de Ourense ofrece tamén a persoas de todas as idades a posibilidade de xogar resolvendo quebracabezas con imaxes de pezas do Museo ou a súa fachada. Un xeito ameno de ver as pezas.

MUSEO MASSÓ

Aínda que os desafíos que leva abordar a inclusión, a diversidade e outros temas sociais complexos non son exclusivos dos museos, o seu papel é importante debido á alta consideración que teñen na sociedade e ao seu potencial social en forma de exposicións, conferencias, espectáculos, programas educativos e iniciativas. Consciente deste contexto, o Museo Massó fará unha programación incidindo na problemática da inclusión dende a perspectiva de xénero, en torno ás mulleres empregadas na conserveira Massó.

As empregadas na industria conserveira

A programación do Museo Massó, dirixida a todo tipo de público, será accesible a partir do día 18 de maio no blog do Museo e está formada polas seguintes producións dixitais:

A reprodución en pdf e nunha aplicación multimedia do catálogo editado pola empresa Massó Hermanos S.A. en 1924, deseñado por Federico Ribas e con fotografías realizadas polo Estudio Pacheco de Vigo. Nelas déixase constancia das distintas fases de traballo da conserveira Massó de Bueu e constitúen testemuños do peso que tivo e ten a man de obra feminina na industria conserveira. Tamén haberá un vídeo divulgativo realizado a partir do citado catálogo, con fotografías orixinais que forman parte do arquivo fotográfico do Museo Massó; varios obxectos da colección aparecen nelas e unha selección das matrices orixinais das ilustracións. E disporase do acceso dixital ao calendario 2020 elaborado con fotografías sobre este tema, editado por Xerais en colaboración co Museo.

Así mesmo, poderá elaborarse un quebracabezas dixital realizado a partir da portada da revista Industria Conservera de marzo de 1939 coa imaxe dunha empregada da industria conserveira deseñado por Manuel Torres.

MUSEO DO VIÑO DE GALICIA

Brinde simbólico

Este ano é o primeiro Día dos Museos para o Museo do Viño de Galicia. O Museo tentará aproximarse ás terras que producen o viño, un dos fíos condutores do seu contido. Baixo o lema Este brinde vai para a nosa mellor colleita, reunirá a representantes das cinco denominacións de orixe de viño de Galicia e das catro indicacións xeográficas protexidas para brindar virtualmente por un próximo reencontro cos viños galegos no Museo do Viño de Galicia.

MUSEO DAS PEREGRINACIÓNS E DE SANTIAGO

Meditación on line

O venres 15, ás 20:30 h, o Museo das Peregrinacións e de Santiago ofreceu on line a posibilidade de facer meditación e relaxación. No Museo vense traballando dende hai moito tempo con contidos expositivos que fan referencia a culturas orientais. Ese aspecto permite propoñer unha actividade de relaxación-meditación que, aínda que non exclusiva de Oriente, foi popularizada a partir do contacto coas devanditas culturas. A finalidade foi relaxar e quitar tensión da musculatura ao tempo que transformar estados de ansiedade e estrés noutros de tranquilidade mental e benestar físico. A actividade estivo guiada en todo momento por Jesús Alcaide, fundador da escola Orient-Arte, cunha longa experiencia nestas prácticas.

Obradoiro infantil

O sábado 16 fíxose un obradoiro infantil on line no que nenas e nenos participaron nunha amena actividade ligada cos contidos do Museo. Os animais reais ou nas súas figuracións míticas foron a fonte de inspiración para crear novas hibridacións alegóricas. A actividade guiada realizouse  de xeito virtual a través dunha plataforma on line previa inscrición a través das canles do Museo.

Concerto virtual

Tamén o sábado puido escoitarse “Exeria ad loca sancta”, un concerto virtual a cargo de Ensemble Egeria. É un quinteto de música vocal feminino especializado en música antiga. Toma o nome da viaxeira e escritora que no século IV viaxou dende Gallaecia ata Terra Santa recollendo a súa travesía nuns escritos aos que se lles da o nome de Itinerarium ad loca sancta. Nesta ocasión o Ensemble interpreta fragmentos do programa titulado “Ad Loca Sancta” que reúne pezas, principalmente dos séculos Xl e XII, relacionadas coas zonas do itinerario seguido por Exeria.

Monólogo

O domingo 17 de maio Quico Cadaval ofreceu un monólogo. O actor e dramaturgo levou contos e historias baseadas nas tradicións, tanto do noso país coma doutros, que conectan co Camiño de Santiago, con contidos do Museo e coa idea de itinerarios vitais.

MUSEO DO CASTRO DE VILADONGA

Inclusión cultural

O Museo do Castro de Viladonga, pola súa parte, levará ao seu terreo a lectura deste ano sobre a diversidade de perspectivas que conforman as comunidades partindo do Castro e do Museo como lugar de diversidade cultural e inclusión de dúas culturas: a castrexa e a romana.