Skip to main content

"2naFronteira" propoñen no Museo de Belas Artes da Coruña un percorrido musical pola poesía de Díaz Castro

O Museo de Belas Artes da Coruña da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria será o escenario da presentación do novo disco do grupo 2naFronteira, ‘Zapatiños para Díaz Castro’, na cidade herculina. Carmen Penim (voz e harmonio) e Maurizio Polsinelli (piano e harmonio) propoñen un percorrido polos temas do seu novo traballo discográfico, baseado no poemario ‘Nimbos’, do poeta e tradutor lucense Xosé María Díaz Castro.

Na actuación, que terá lugar mañá, venres, 27 de xuño, ás 19:30 horas, os dous artistas convidarán o público a realizar unha viaxe musical polos versos do escritor ao que a Real Academia Galega lle dedica en 2014 as Letras Galegas.

´Nimbos’, ‘Noite do mundo’, ‘Alalá do verme e a estrela’, ‘Esmeralda’, ‘No novo ceo’, ‘Penélope’ e ‘Coma un río’ son algunhas das pezas que conforman o último traballo discográfico desta formación musical, que lle rende unha homenaxe musical ao poeta e tradutor de Guitiriz.