28 de setembro - 19:30h Arqueoloxía en Monodose Conferencias para divulgar aspectos diferentes da arqueoloxía
Tras o descanso do verán, o MAPOUR continúa co ciclo de "Arqueoloxía en monodose", para descubrir novas propostas e coñecer mellor o noso patrimonio, con charlas divulgativas todos os luns do mes de setembro. Son as seguintes:
- 7 de setembro: "Dende hai vinte anos temos un plan: o Museo de León en 2026", por Luis Grau Lobo (director do Museo de León)
O Museo de León, vinculado á práctica arqueolóxica dende a súa creación en 1869, pasou a ocupar a súa actual sede no ano 2007. O seu director dende o ano 1990 invítanos a facer un percorrido por esta institución.
- 14 de setembro: "Monumentos con forno en castros costeiros do Ortegal e da Mariña lucense", por Emilio Ramil González (arqueólogo)
Un proxecto de investigación en castros da comarca do Ortegal permitiu exhumar tres monumentos con Forno, saunas castrexas, coñecidas tamén como «Pedras Formosas» en localizacións diferentes e con cronoloxías distintas.
- 21 de setembro: "Museo Nacional e Centro de Investigación de Altamira", por Pilar Fatás Monforte (directora do Museo Nacional Altamira)
Marcelino Sanz de Sautuola descobre en 1879 a primeira manifestación artística da humanidade. O impacto desencadeou tal controversia que o seu descubridor faleceu sen ver recoñecido o seu achado. Hoxe o Museo de Altamira é a institución que xestiona este Patrimonio da Humanidade, conservándoo e facéndoo accesible de modo adecuado á cidadanía.
- 28 de setembro: "Arte paleolítica na Cova de Eirós: novas imaxes, novas interpretacións", por Tania Mosquera Castro (arqueóloga)
No corazón das serras orientais, o sistema cavernoso de Cova Eirós (Triacastela, Lugo) alberga as únicas manifestacións coñecidas de arte parietal paleolítica en Galicia. O seu descubrimento no 2011 marcou un fito nos estudos do Paleolítico galego e rompeu coa concepción deste territorio como un baleiro artístico e alleo ao fenómeno gráfico peninsular.
As conferencias terán lugar no Centro Cultural Marcos Valcárcel, rúa do Progreso, 30. Ourense. A entrada é gratuíta.