Skip to main content

Peza do mes: Placa de cinto de As Chás (Oímbra, Ourense)

Do 1 de maio ao 31 de maio do 2026 - 10:00h Peza do mes: Placa de cinto de As Chás (Oímbra, Ourense) Presentación e publicación virtual mensual para afondar no coñecemento de pezas pertencentes aos fondos do Museo

A presentación pública terá lugar o mércores 13 de maio ás 20:00 h, na sala de exposicións "Escolma de escultura", con entrada libre.

Como cada mes, o Museo escolle algunha peza de entre os seus fondos (neste caso, do fondo arqueolóxico) para ser tratada de xeito pormenorizado e darlle maior visibilidade, afondando no seu contexto e características, datas, filiacións, etc., e reforzar así o seu valor.

Esta placa foi atopada no conxunto arqueolóxico de As Chás (Castelo de Lobarzán, Oímbra), un dos xacementos máis relevantes para o coñecemento da historia da comarca do Alto Támega. Cronoloxicamente, a peza pertence ao período inicial da fortaleza, datado no ano 996, a cal se construíu para articular o territorio baixo o seu control e para unha posible defensa fronte a ameazas externas.

A peza está formada por unha placa metálica elaborada en bronce sobredourado, interpretada como unha placa de cinto. A nivel decorativo, amosa unha representación minuciosa e naturalista dunha escena de equitación e cetraría.

Diversas características, xunto coa ausencia de detalles faciais do xinete, vincúlana co mundo islámico, segundo a investigación de Víctor Rodríguez Muñiz.

A publicación virtual sobre estas pezas está dispoñible nesta ligazón do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, onde se pode afondar sobre o seu contexto arqueolóxico e as súas chamativas características artísticas, pero tamén sobre a súa orixe e filiacións, nun estudio a cargo, neste caso, do investigador Víctor Rodríguez Muñiz