14 de xuño - 20:00h Peza do mes: DEBUXOS DE XESÚS CORREDOIRA Presentación e publicación virtual mensual para afondar no coñecemento de pezas pertencentes ao fondo do Museo
Como cada mes, o Museo escolle algunha peza de entre os seus fondos para ser tratada de xeito pormenorizado e darlle maior visibilidade, afondando no seu contexto e características, datas, filiacións, etc., e reforzar así o seu valor.
A presentación terá lugar o mércores 14 de xuño ás 20.00 h na sala da exposición “Escolma de Escultura” en San Francisco (Ourense). A explicación correrá a cargo de Belén Lorenzo Rumbao, técnica do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense.
Os dous debuxos que constitúen a presente peza do mes ingresaron nas coleccións do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense en 2002 como depósito da Xunta de Galicia, mediante compra, tras a oferta dun particular, quen pola súa vez os adquiriu nun anticuario na cidade de Burgos. Son obra do artista lucense Xesús Rodríguez Corredoira de Castro (Lugo, 1889-Portela de Roxos, Santiago de Compostela, 1939), do que a maior parte da súa produción se conserva no Museo Provincial de Lugo.
Os debuxos, sen moita dúbida, van dedicados ao seu bo amigo Marcelino Blanco de la Peña (1878-1964) e ao seu fillo Marcelinito.
A publicación virtual sobre esta peza está dispoñible neste enlace do Museo Arqueolóxico de Ourense, onde se pode ver máis información nun estudio, neste caso, a cargo de Belén Lorenzo Rumbao, técnica do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense.