12 de abril - 20:00h Peza do mes: POTE. MODELO Nº5 Presentación e publicación virtual mensual para afondar no coñecemento de pezas pertencentes ao fondo do Museo
Como cada mes, o Museo escolle algunha peza de entre os seus fondos para ser tratada de xeito pormenorizado e darlle maior visibilidade, afondando no seu contexto e características, datas, filiacións, etc., e reforzar así o seu valor.
A presentación terá lugar o mércores 12 de abril ás 20.00 h na sala da exposición “Escolma de Escultura” en San Francisco (Ourense). A explicación correrá a cargo de Ana María Malingre Rodríguez.
No século XIX entra nas cociñas unha nova cacharrada de ferro fundido, produto das industrias de fundición que paseniño foi substituíndo os pucheiros de barro e caldeiros de cobre pola súa indubidable resistencia.
Posiblemente, os primeiros utensilios de ferro foron traídos de Inglaterra para despois producirse en industrias nacionais, vascas principalmente. As marcas destas empresas figuran ben visibles nas pezas, que constitúen a orixe das baterías de cociña actuais, con alixeiramento de peso e modificación nas súas formas.
O pote é unha desas vasillas que se fabricaron de forma industrial na segunda metade do século XIX, mediante a vertedura de coada de ferro en moldes.
A publicación virtual sobre esta peza está dispoñible neste enlace do Museo Arqueolóxico de Ourense, onde se pode ver máis información nun estudio, neste caso, a cargo de Ana María Malingre Rodríguez.