Skip to main content

Os museos da Xunta ofrecen máis de 50 actividades para escolares no primeiro trimestre do curso

Os museos da Xunta ofrecen máis de 50 actividades para escolares no primeiro trimestre do curso

Os museos xestionados pola Xunta de Galicia veñen de iniciar a súa programación didáctica deste trimestre con máis de medio cento de actividades, entre visitas, obradoiros e teatralizacións para os escolares galegos que teñen como obxectivo divulgar as súas coleccións e exposicións de xeito ameno e participativo. Trátase de actividades gratuítas previa inscrición en cada un dos centros expositivos e están adaptadas aos distintos niveles educativos.

A información completa de toda a oferta didáctica está dispoñible nas páxinas web de cada un dos centros museísticos e irase actualizando a medida que se vaian incorporando novas iniciativas de cara á totalidade do curso escolar. Os colexios interesados deberán poñerse en contacto con cada centro para tramitar as reservas.

En Santiago de Compostela, o Museo das Peregrinacións e de Santiago inclúe un programa de visitas comentadas que mesturan un percorrido guiado polo museo coa tradición dos contacontos. O CGAC ofrece unha programación de visitas guiadas ás exposicións temporais para estimular o interese pola creación artística contemporánea e deséñanse obradoiros didácticos específicos para complementar a visita ás mostras. Engádense, ademais, as sesións didácticas en liña para Educación Primaria Descubrindo a arte contemporánea e para Secundaria e Bacharelato Un achegamento á arte contemporánea: o CGAC e a súa colección.

A Cidade da Cultura de Galicia tamén vén de actualizar a súa oferta didáctica cun completo programa de visitas presenciais e cinco quendas horarias a elixir. As tres grandes mostras do Museo Centro Gaiás deste outono protagonizan a oferta para os centros educativos. Ademais, inclúense percorridos comentados para coñecer a arquitectura e a natureza do Gaiás dispoñible durante todo o curso escolar.

Museo Pedagóxico de Galicia

As propostas do Museo Pedagóxico de Galicia conta con opcións diferenciadas para Educación Infantil, con visita que pode ser guiada ou libre e combinada con obradoiros no que os alumnos construirán o seu propio xoguete a partir de elementos naturais. No caso de Educación Primaria, ademais de visita guiada ou libre, tamén se programa a ruta didáctica Os segredos do encerado, unha actividade na que o alumnado visita o museo de forma autónoma traballando e resolvendo en pequenos grupos as propostas dos cadernos didácticos que se lles entregan ao comezo da visita. Para os estudantes de Educación Secundaria a ruta didáctica é Viaxeiros no tempo, para descubrir os cambios nas escolas nos últimos anos.

Retómanse as visitas guiadas e dinamizadas adaptadas a cada ciclo educativo tamén na Casa Museo Camilo José Cela, que se combinan con obradoiros e este ano, co gallo do 150 aniversario da chegada do tren, promoveranse tamén o uso deste transporte polos escolares.

Teatralizacións e aulas didácticas

Na Coruña, o Museo de Belas Artes ofrece propostas de xeito adaptado para todas as idades, algunhas delas teatralizadas con personaxes saídos dos cadros cos que interactuarán e descubrirán como se fixeron algunhas obras da colección. O programa educativo comezará en outubro de martes a venres. A través de obras da colección permanente ou das mostras temporais, se traballarán aspectos como a expresión artística, a xestión das emocións, a natureza e a sustentabilidade ou igualdade de xénero.

No Museo do Castro de Viladonga, desde setembro ten programadas actividades previa solicitude, que inclúen visitas guiadas polo castro e museo que se completan con cadernos de traballo diferentes para cada ciclo.

O Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense ofrece visitas guiadas e obradoiros dirixidos a escolares aos fondos e exposición temporal mentres que o Museo Etnolóxico de Ribadavia e o Museo do Viño de Galicia tamén abren as súas portas aos centros escolares con visitas especiais se o centro educativo o solicita.  Pola súa banda, o Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa Lansbrica desenvolverá o programa Galaic@s, a forxa dun pobo da idade de ferro, adaptado a cada curso escolar, que inclúe diferentes actividades como visitas comentadas ao centro de interpretación así como obradoiros nas aulas didácticas con variedades de temáticas sobre a idade de ferro a coordinar co centro educativo)

Arqueoloxía subacuática

Tesouros da ría, Viaxe á prehistoria, Son peixes?, Á beira do mar, Sardiñas... Adxudicadas! Salvemos a ría, O tesouro perdido son algunhas da quincena de propostas didácticas diferentes que ofrece o Museo do Mar de Galicia en Vigo. Trátase de obradoiros que permitirán, entre outros aspectos, experimentar a importancia da conservación dos recursos mariños, descubrir o papel do mar no intercambio cultural e mercantil ou espertar o interese polo patrimonio arqueolóxico. Neste sentido, tamén se inclúen actividades no Centro Arqueolóxico do Areal, Salinae, adaptadas aos ciclos educativos.

O Museo Massó, en Bueu, inclúe un programa de visita guiadas á exposición permanente e as temporais, así como percorridos tematizados para coñecer, entre outros aspectos o papel das mulleres no mar así como Salgadura de Mourisca en Cabo Udra, xa que o museo pon a disposición dos centros de ensino un monitor para visitar a antiga fábrica de salgadura da praia de Mourisca como actividade complementaria á realización dunha visita guiada monográfica ou un obradoiro didáctico no museo sobre a explotación comercial e industrial da sal ao longo da historia. Ofrécese tamén un amplo programa de obradoiros para todas as idades sobre os ecosistemas das Rías Baixas, a arqueoloxías subacuática ou o recoñecemento de diferentes especies mariñas, entre outras.

Finalmente, o Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro ofrece visitas interpretativas, e unha decena de obradoiros didácticos e exhibicións de arqueoloxía experimental adaptados ás necesidades de cada ciclo educativo.