Skip to main content

Vidro Millefiori. Cibdá Galaico-Romana de Armea (Ourense)

Do 1 de setembro ao 30 de setembro do 2022 - 10:00h Vidro Millefiori. Cibdá Galaico-Romana de Armea (Ourense) Presentación e publicación virtual mensual para afondar no coñecemento de pezas pertencentes ao fondo do Museo

Como cada mes, o Museo escolle algunha peza de entre os seus fondos (neste caso, arqueolóxicos) para ser tratada de xeito pormenorizado e darlle maior visibilidade, afondando no seu contexto e características, datas, filiacións, etc., e reforzar así o seu valor.

 

A peza que protagoniza este mes é un fragmento de vidro realizado coa técnica millefiori, parte da colección de vidros mosaico recollidos na cibdá galaico-romana de Armea (Santa Mariña de Augas Santas, Allariz, Ourense). Esta peza é testemuña da riqueza que presenta o xacemento de Armea, non só polo impresionante estado de conservación de muros e pavimentos, senón tamén polos materiais recollidos. Dentro do rico conxunto de materiais mobles aparecidos, destaca o grupo de obxectos fabricados en vidro, non só pola súa cantidade, senón tamén pola súa diversidade, e, entre eles, os fragmentos fabricados coa técnica millefiori. Este tipo de pezas terán o seu momento de esplendor en época altoimperial.

Este vidro foi achado nunha das domus na campaña de escavación de 2018, que o sitúa entre o I e o III d.C. a súa presenza ten ademais especial relevancia xa que son pezas relativamente escasas, especialmente nos territorios interiores.

A publicación virtual sobre esta peza está dispoñible nesta ligazón do Museo Arqueolóxico de Ourense, onde se pode afondar sobre a técnica millefiori, a riqueza do xacemento, o seu ámbito cronolóxico e a descrición máis polo miúdo, nun estudio, neste caso, a cargo de Adolfo Fernández Fernández, Alba Antía Rodríguez Nóvoa e Patricia Valle Abad. GEAAT - Universidade de Vigo.