Skip to main content

Os museos da Xunta en Ourense celebran o seu Día Internacional con obradoiros, música e visitas guiadas

Os museos da Xunta en Ourense celebran o seu Día Internacional con obradoiros, música e visitas guiadas

Programación do Día dos Museos

Os espazos museísticos xestionados pola Xunta na provincia de Ourense súmanse á celebración do Día Internacional dos Museos, o 18 de maio, cunha ampla axenda de actividades dirixidas a escolares e ao público xeral. Haberá visitas guiadas, obradoiros, música e cinema, entre outras propostas que se desenvolverán ao longo da semana que vén.

O Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense concentra a actividade no propio Día Internacional dos Museos, o mércores 18. Nesa xornada haberá diversas visitas guiadas a partir das 10,00 da mañá. Parte dos percorridos terán lugar na sede da Carballeira para coñecer o laboratorio de restauración e a parte administrativa, onde o público se achegará aos sistemas de inventariado, catalogación, almacenamento e conservación dos fondos.

Nesa mesma data ofreceranse visitas guiadas á sala Escolma de escultura, en San Francisco, onde se expón unha mostra antolóxica das coleccións do museo centrada nas series de escultura. Trátase dunha panorámica representativa dos fondos deste espazo museístico que conta ademais con algúns elementos de referencia, como os guerreiros galaicos ou a escultura renacentista.

A maiores, os días 18 e 20 o Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa de San Cibrán de Las acollerá os obradoiros para escolares O poder da pedra, coa participación de centros educativos de Maside e de San Amaro. Como complemento, os participantes visitarán a sala Fondos pétreos, con pezas de gran formato e temática variada procedentes do Museo Arqueolóxico Provincial.

O patrimonio, eixe da axenda en Ribadavia

Pola súa banda, o Museo Etnolóxico de Ribadavia organizou unha axenda con diversos obradoiros e outras accións divulgativas que afondan nos distintos tipos de patrimonio. Así, xa nesta semana tivo lugar o obradoiro O patrimonio moble ao servizo da diversidade, realizado co alumnado de atención á dependencia do Centro Integrado de FP Portovello de Ourense, e unha visita a Celanova para afondar no patrimonio literario e musical, en colaboración coa Asociación de Amigos e Amigas do Museo Etnolóxico e do Conxunto Histórico de Ribadavia (Amechir).

A conmemoración continúa o mércores 18, cun intercambio en liña da cultura ucraína e galega a través de exemplos das coleccións do Etnolóxico e do National Museum of Ukrainian Folk Decorative Art, co lema O poder dos museos para comunicar xentes. O xoves 19 desenvolverase o obradoiro O patrimonio bibliográfico: ler o patrimonio, co club de lectura do colexio CPI Tino Grandío do concello lugués de Guntín.

O peche porase na fin de semana, cos patrimonios audiovisual e musical como protagonistas. O sábado exhibirase na Casa da Cultura de Ribadavia a película Cotolay, drixida en 1965 por José Antonio Nieves Conde e parcialmente filmada en Ribadavia e no Ribeiro. Por último, o domingo o museo acollerá unha actuación do grupo Almuzara co título Patrimonio musical: a regueifa.

O Museo do Viño tamén se suma ás celebracións coa visita dos clubs de lectura do colexio CPI Tino Grandío, de Guntín, e a divulgación en redes sociais de vídeos divulgativos protagonizados polo viticultor do Bolo Rafa Palacios, o enólogo de orixe francesa Dominique Roujou e o sumiller, xestor e editor da guía de viños e augardentes de Galicia, Alejandro Padín.