Skip to main content

A mostra itinerante inclusiva "Hoxe toca o Prado" chega ao Museo de Belas Artes da Coruña

A mostra itinerante inclusiva "Hoxe toca o Prado" chega ao Museo de Belas Artes da Coruña

Recorrido pola exposición dos participantes na presentación

O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e o delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, participaron na presentación da mostra itinerante inclusiva "Hoxe toca o Prado", que estará no Museo de Belas Artes da Coruña ata o 24 de abril. Trátase dunha iniciativa promovida polo Museo Nacional do Prado co apoio da Fundación AXA e a colaboración da ONCE, que busca achegarlles ás persoas con discapacidade audiovisual unha selección de obras representativas da súa colección.

No acto de apertura, o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade salientou a importancia desta iniciativa promovida polo Museo do Prado a prol do achegamento da arte a toda a cidadanía. “Este é un obxectivo no que tamén traballa o Goberno galego coa aposta pola dotación de tecnoloxías e outros recursos que garantan a súa accesibilidade nos centros museísticos”, salientou. Ademais, tal e como engadiu, o Museo de Belas Artes está xa en contacto coa ONCE para facer visitas guiadas adaptadas ás necesidades das persoas con discapacidade visual a través dun proxecto que se suma a outras iniciativas puntuais do pasado, na busca de establecer unha colaboración con continuidade.

Xunto ao secretario xeral de Cultura, tamén participaron no acto a coordinadora de Educación e Acción Cultural do Museo Nacional do Prado, Ana Moreno Rebordinos; o director comercial Zona Oeste AXA Seguros, Emiliano Óscar López Sánchez, e o delegado territorial da ONCE en Galicia, Manuel Martínez Pan.

Así, o espazo coruñés expón seis reproducións en relevo correspondentes a diferentes xéneros e estilos artísticos que reflicten a riqueza da colección do Museo do Prado. Trátase de Noli me tangere de Correggio; La fragua de Vulcano de Velázquez; El quitasol de Goya; La Gioconda do taller de Leonardo da Vinci; El caballero de la mano en el pecho de El Greco, e Bodegón con alcachofas y recipientes de vidrio de Van der Hamen. As tres últimas están reproducidas a tamaño real. Deste xeito achéganselles ás persoas con discapacidade visual pinturas de temática relixiosa, mitolóxica, costumista, de retrato e de natureza morta para seren percorridas e tocadas coas mans.

A maiores, a mostra itinerante ofrece unha reprodución en relevo dunha das obras máis emblemáticas de cada un dos museos que percorre. No caso de Belas Artes, a peza reproducida é As mariscadoras de Luís Seoane.

Experiencia sensorial para todos os públicos

O proxecto desenvolveuse coa colaboración de profesionais con discapacidade visual e conta con material adicional, como paneis e cartelas en braille e audioguías de apoio coas indicacións precisas para facer o percorrido táctil das pezas. Ademais, o público xeral tamén poderá achegarse a esta experiencia sensorial mediante a utilización de lentes opacas que impiden a visión.

As reproducións foron feitas coa técnica Didú de Estudios Durero, a partir de fotografías en alta resolución ás que se lles confiren texturas e volumes de ata seis milímetros. "Hoxe toca o Prado" chegou á Coruña tras o seu paso por Cáceres, e continuará logo cara a Málaga, Zaragoza, Lleida e Salamanca.

Concurso de Debuxo Picasso

Por outra banda, nesta mesma xornada, Anxo M. Lorenzo e Gonzalo Trenor participaron na presentación do VII Concurso de Debuxo Picasso, organizado pola Asociación da Prensa da Coruña co apoio da Xunta, entre outras entidades. A iniciativa, dirixida a escolares de 3º a 6º de primaria, así como da ESO de toda Galicia, retómase despois da súa suspensión o pasado curso por mor da pandemia.

O acto tivo lugar no IES Eusebio da Guarda da Coruña, edificio onde Pablo Picasso estudou ensino secundario e Belas Artes entre os anos 1891 e 1895. O alumnado participante no certame debe emular os traballos que elaborou o artista durante a súa estancia na Coruña e que bautizou como Azul y blanco e La Coruña. Para iso deberán facelo creando os seus propios exemplares xornalísticos cun contido actual.

Establécense tres premios de cheques-regalo para as diferentes categorías, bautizados como Premio Picasso ao mellor xornal, Premio José Luis Bugallal Marchesí á mellor ilustración e Premio Olga Cristina Viaño Sánchez á mellor redacción, así como accésits que recibirán un diploma. Ademais, os traballos galardoados serán expostos na Coruña.