Do 1 de marzo ao 31 de marzo do 2022 - 10:00h Peza do mes: Cerámica bracarense. Campamento Aquae Querquennae Presentación e publicación virtual mensual para afondar no coñecemento de pezas pertencentes ao fondo do Museo
Como cada mes, o Museo escolle algunha peza de entre os seus fondos (neste caso, dos arqueolóxicos) para ser tratada de xeito pormenorizado e darlle maior visibilidade, afondando no seu contexto e características, datas, filiacións, etc., e reforzar así o seu valor.
A peza que se presenta este mes foi descuberta no campamento militar de Aquae Querquennae (Porto Quintela, Bande, Ourense), onde, segundo as investigacións estivo acantonado un destacamento dependente da legio VII Gemina, lexión acantonada en León. Nas escavacións das últimas décadas tense recuperado unha cantidade de material significativa que axuda a avanzar no coñecemento da vida cotiá dos soldados. Entre os achados encóntranse, como é evidente, material cerámico como é o caso da peza deste mes.
Na campaña de escavación de 2009, apareceron restos de estruturas que, pola planta, parecen corresponderse con dependencias dun barracón de tropa. Alí recuperáronse, entre outros moitos materiais, ata un total de 27 pezas (incompletas) de cerámica bracarense. Entre elas, esta peza. Trátase dun prato cóncavo con decoración incisa no bordo realizada coa técnica «á rodiña» e dúas asas planas en forma de lazo. Tras a súa restauración, resultou ter as seguintes medidas: 4,5 cm,; grosor máximo 1,3 cm e diámetro 28 cm.
Esta peza forma parte dos fondos do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense co número de inventario DX1209/26.
A publicación virtual sobre esta peza está dispoñible neste enlace do Museo Arqueolóxico de Ourense, onde se pode afondar sobre as súas características estilísticas e filiacións así como no contexto arqueolóxico no que se levou a cabo o achado, nun estudio a cargo, neste caso, de María del Pilar Núñez Sánchez e Iria Veloso Pérez.
Seguindo as indicacións das autoridades sanitarias en relación coa Covid-19, e aínda que a sala de exposicións Escolma de Escultura está aberta ao público, non se fai a presentación da Peza do Mes de xeito presencial.